publicidade hoxe

A Deputación de Lugo achega a Lourenzá 620.000 euros para mellorar servizos públicos nas súas 4 parroquias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLourenzáLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, informou este mércores sobre o investimento achegado aos 2.200 veciños deste Concello coa execución do Orzamento de 2016. Foron preto de 620.000 euros os que o Goberno Provincial destinou a este municipio, mellorando o conxunto das prestacións públicas, principalmente en zonais rurais, pois leváronse actuacións ás 4 parroquias que conforman Lourenzá e que son Santa María de Lourenzá, Santo Adriano, Santo Tomé e San Xurxo.

Campos Conde e López García comprobaron o inicio das melloras no Camiño A, que que vai do Zapateiro a Santo Adriano. É o principal acceso viaria a 3 das 4 parroquias do Concello: San Xurxo, Santo Tomé e Santo Adriano. Estas actuacións consisten no acondicionamento do firme con aglomerado en quente dun treito de case 3 quilómetros. Están dotadas de 150.300 euros, que achegou o Goberno da Deputación. Son unhas obras moi demandadas, ás que o Executivo Provincial dá resposta, beneficiando de xeito directo aos 1.000 veciños que viven na zona.

O Presidente e a Alcaldesa supervisaron ademais a posta en marcha dos traballos de arranxo da LU-P-2801, de Santo Tomé, por Santo Adriano e Augasoxa a Mazo. Trátase da estrada que une o Camiño A coa parroquia de Santo Adriano, e a principal vía de comunicación de Lourenzá cos Concellos da Pontenova e Riotorto. As obras contan cun orzamento de 268.000 euros, financiados polo Goberno da Deputación. Consisten no aglomerado en quente dun treito de 3,3 quilómetros, así como na mellora da sinalización e limpeza de cunetas.

O Goberno Provincial achegou ademais 46.000 euros para mellorar o firme con aglomerado en quente doutras 5 vías, que empregan a cotío os 600 veciños da zona na que se atopan. Son as estradas de Santo Adriano e Ríos, na parroquia de Santo Adriano; Castiñeiras Verdes e o Cal, en Santo Tomé; e a Tilleira, en Santa María de Lourenzá.

Co conxunto dos traballos mencionados, foron case 465.000 euros os achegados polo Goberno Provincial durante a anualidade pasada para mellorar infraestruturas viarias na totalidade do Concello.

Novo alumeado público en Santa María de Lourenzá

O titular provincial e a rexedora, acompañados de veciños, comprobaron o resultado dos traballos executados nos barrios do Castro, Recimil e Maderne, todos eles na parroquia e Santa María de Lourenzá. Consistiron na mellora do alumeado público a través da dotación de 50 puntos de luz de baixo consumo. Estas actuacións permitirán reducir á metade a factura da luz, supoñen 2.000 euros menos ao ano ás arcas municipais. Estes traballos, que redundan na mellora do servizo aos 60 veciños da zona, contaron con 19.000 euros que achegou o Goberno da Deputación.

Xeración de 5 postos de traballos

Campos Conde e López García mantiveron un encontro cos 5 lucenses que estaban no paro e que agora están a traballar en Lourenzá grazas ao DEPUEMPREGO. É o plan de emprego do Goberno da Deputación nos municipios de menos de 20.000 habitantes mediante o cal o Executivo Provincial financia os custos laborais de novos traballadores, que reforzan os servizos públicos dos Concellos. Lourenzá recibiu 37.032 euros, que permitiron a contratación de 1 albanel, 1 carpinteiro, 1 peón xardineiro e 1 peón de limpeza, que están a traballar no servizo de obras municipal; ademais de 1 técnico de turismo, que ofrece información aos visitantes.

Servizos sociais a 24 maiores

O Executivo Provincial presta atención a 24 maiores de Lourenzá aos que a Xunta de Galicia non atende. Faino a través dos 25.000 euros que achega a este Concello para o Servizo a Domicilio a non dependentes e a Teleasistencia gratuíta. Cómpre subliñar que o Goberno galego suprimiu a cero euros o financiamento autonómico para o Servizo a Domicilio a persoas non dependentes dos 66 Concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes. Ademais, a Xunta non ofrece Teleasistencia a maiores con limitacións en canto a súa autonomía senón están catalogadas como dependentes. A diferenza do servizo provincial, o autonómico obriga ao copago.

11 de maio de 2017 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.