A Deputación da Coruña pon en marcha tres contratos de servizos para o mantemento da actividade e programación do Teatro Colón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña asume a partir de xuño a xestión do Teatro Colón e, con ese obxectivo, publica hoxe no BOP a convocatoria dos contratos de servizos técnicos específicos necesarios para o mantemento da súa actividade. Contratará, con este fin, servizos de xestión de programación, produción e mantemento técnico e comunicación e xestión de públicos.

Como anunciara hai unhas semanas a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, a Deputación da Coruña é quen vai asumir a xestión do Teatro Colón, de maneira transitoria, a partir deste próximo mes de xuño, despois de que o Concello da Coruña confirmase a súa dispoñibilidade a aceptar a cesión do espazo cultural no 2018. Para iso, este xoves día 11 de maio publícase no BOP a convocatoria de tres contratos de prestación de servizos que teñen por obxecto garantir a capacidade de xestión e funcionamento do Teatro e a súa apertura sen interrupcións ao longo dos vindeiros meses.

A Deputación da Coruña, que reserva para si na xestión directa do espazo a decisión sobre a programación do Teatro, reforza a capacidade de xestión nos aspectos técnicos a través dun contrato de xestión da programación, un segundo de produción e mantemento escénico e un terceiro de comunicación e xestión de públicos (que inclúe comunicación, taquillas, venda de entradas e persoal de atención en sala).

A administración provincial ponse á fronte da programación e a xestión do teatro e saca ao BOP estes tres contratos, que teñen unha duración de 6 meses (renovables por outros seis) despois de que o Concello da Coruña confirmase a decisión de aceptar a cesión e sumar o Colón aos equipamentos culturais da cidade de xestión municipal. Deputación e Concello acordaron nos últimos meses esta medida transitoria dada a imposibilidade de o Concello asumir a cesión con todas as garantías necesarias xusto despois do remate do contrato de xestión privada, a finais do actual mes de maio. Desde hai meses, equipos técnicos dos dous organismos están a traballar co fin de garantir a solidez do proceso, para proceder á transferencia do espazo de maneira segura.

Os contratos estarán resoltos a mediados do mes de xuño. Nos pregos indícanse as liñas de traballo que vai desenvolver o Teatro: programación propia, cesión a entidades sen ánimo de lucro e cesión a compañías e artistas profesionais. Paralelamente a estes contratos os servizos técnicos da Deputación están a traballar na elaboración dunha ordenanza de prezos públicos e dun regulamento de usos do Teatro.

A deputada responsábel da área de Cultura e videpresidenta da Deputación, Goretti Sanmartin, amosou a súa satisfacción “pola celeridade e compromiso coa que os servizos da Deputación abordaron estes traballos, que permitirán manter aberto e con programación regular o Teatro até a súa cesión ao Concello en 2018”.

11 de maio de 2017 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.