publicidade hoxe

34 empresas presentan as súas ofertas para as obras da senda peonil que unirá Neaño e A Carballa, en Cabana de Bergantiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCabana de Bergantiños
A-
A+

Un total de 34 empresas presentaron as súa ofertas para a execución das obras da senda peonil que unirá as localidades de Neaño e A Carballa, cun investimento de máis de 364.000 euros.

Estas obras, que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), serán cofinanciadas polo Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas da Comarca de Bergantiños, no que a Xunta está a investir 5 millóns de euros para a construción de 7 itinerarios seguros e sustentables que sumarán uns 11 quilómetros.

O itinerario que unirá os núcleos de Neaño e A Carballa facilitará a mobilidade no concello, posto que se conecta mellor o leste do municipio cos servizos localizados nesta zona: a Casa do Concello, o xulgado de paz, o centro de saúde, o colexio público e a zona deportiva.

Esta actuación, ao unir esta senda coas beiravías existentes, posibilitará a constitución dun itinerario total de case 7 km que permitirá desprazarse en condicións de seguridade dende Ponteceso ata Taboído.

A senda, que terá unha lonxitude de 1.564 metros, executarase en formigón, pola marxe esquerda da estrada AC-429, desde o punto quilométrico 2+176 (intersección coa DP-1406 a Cesullas situada no núcleo de Neaño) ata o 3+565, lugar no que existe un paso inferior. Desde ese punto, a senda continua pola marxe dereita da vía ata o p.q. 3+740 (entrada en A Carballa), aproveitando o camiño existente ao pé do noiro.

15 de maio de 2017 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.