Xornada de portas abertas no centro de día da Pobra do Caramiñal
O centro de día de A Pobra do Caramiñal, pertencente á rede de centros de maiores da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, levará a cabo o vindeiro venres 28 de abril unha xornada de portas abertas co obxectivo de que as familias e os veciños da zona poidan coñecer as súas instalacións, como é o seu funcionamento e como traballa o seu persoal.
O programa para ese día comprende, dende as 11,00h, distintas actividades lúdicas no centro para os asistentes e, a partir das 15,30h, unha mostra de xabóns artesanais elaborados polos usuarios, así como a entrega dun pequeno agasallo aos participantes na xornada de portas abertas.
O centro de día de A Pobra do Caramiñal, dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, entrou en servizo o pasado 21 de setembro de 2016 cunha oferta de 30 prazas. Na actualidade conta con 7 usuarios (todos eles, a xornada completa), que proceden do propio concello de A Pobra, e dos municipios de Ribeira e Rianxo.
As persoas que acoden a diario a este servizo de atención diúrna participan das diversas terapias rehabilitadoras e ocupacionais programadas, ás que se suman as actuacións socio-culturais (con carácter sócio-terapéutico e ao mesmo tempo, lúdico e de animación).
O centro de día de A Pobra é, ademais dun importante recurso social e de apoio ás familias, un punto de encontro no que a motivación dos usuarios acádase a través das actividades grupais desenvolvidas polo equipo de profesionais do centro: saídas pola vila, visitas culturais, participación nas festas patronais, excursións, encontros interxeneracionais ou celebración de festas e datas concretas (Entroido, Magosto, Nadal, etc..).
Outras actividades de carácter rehabilitador que se ofrecen aos beneficiarios son os obradoiros de estimulación cognitiva e da memoria, psicomotricidade, xeronto-ximnasia, músico-terapia, labor-terapia, traballos manuais e lecer.