Valentín González Formoso destaca a oportunidade económica e turística da ampliación da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, inaugurou hoxe as Xornadas “Turismo e Medioambiente” celebradas na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada. No acto inaugural tamén participaron o alcalde sadense, Óscar Benito Portela, e o presidente do Consello de Dirección da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso Miramontes.
Durante a súa intervención, González Formoso destacou a importancia destas xornadas, que se celebrarán entre hoxe e mañá, para por en valor “a única Reserva da Biosfera na nosa provincia” e afondar no seu potencial turístico, a través de mesas de debate nas que se abordarán temas coma os diferentes atractivos da Reserva ou os novos retos para por en valor os recursos a nivel local.

O presidente da Deputación afirmou que a “incorporación de cinco novos concellos coruñeses: Carballo, Cerceda, Laracha, Mesía e Vilasantar, contribuirá a incrementar as potencialidades económicas, turísticas e medioambientais deste espazo singular”. Valentín González Formoso considerou que a “ampliación da Reserva supón un reto” pero tamén unha “oportunidade para facer do espazo unha referencia natural a nivel estatal”.

Espazo de oportunidades para o rural

Asemade, González Formoso definiu a reserva coma un “espazo de oportunidades para o desenvolvemento socioeconómico do ámbito rural”, con potencialidade para “promocionar os os produtos agroalimentarios dunha terra rica e fértil”, “xerar emprego e actividade económica” e “fixar poboación ante a preocupante sangría demográfica que atravesa o rural galego”.

O presidente da Deputación enxalzou o “enorme potencial turístico” avalado polas características únicas dos 17 concellos que conforman a reserva coma “os máis de 3.500 hectáreas de bosques e fragas ligadas ás concas fluviais do Mendo e o Mandeo, cunha enorme biodiversidade de flora e fauna autóctona” ou os “estuarios, marismas, rías e praias que conforman 109 quilómetros de costa”.
Neste sentido, González Formoso destacou o apoio da Deputación da Coruña a diferentes proxectos estratéxicos, coma o Proxecto Mandeo, no que “a institución provincial investiu máis de 12 millóns de euros para rexenerar a conca do río, crear centros de interpretación coma os de Curtis e Chelo, rutas de sendeirismo, observatorios ornitolóxicos e outras infraestruturas”.

Así mesmo, lembrou o “decidido apoio da Deputación, xunto cos 17 concellos, para defender ante a Unesco a candidatura das Mariñas e Terras do Mandeo como Reserva da Biosfera”.

Xosé Regueira, poñente na primeira mesa redonda

A presenza da Deputación nas xornadas “Turismo e Medioambiente” continuou ao longo da mañá coa participación de Xosé Regueira Varela, deputado responsable da área de Turismo, na primeira mesa redonda.

Regueira abordou o potencial turístico da Reserva da Biosfera dentro da provincia da Coruña, e os retos de futuro para convertela nunha referencia turística e medioambiental.

27 de abril de 2017 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.