Unhas 1.000 persoas gozaron dos 5 concertos gratuítos do MusicAD da Deputación de Lugo na Capela de Santa María
Preto de 1.000 persoas desfrutaron dos cinco concertos gratuítos que o Goberno da Deputación levou á Capela de Santa María durante o mes de marzo, a través do MusicAD. As instalacións provinciais rexistraron un cheo absoluto para presenciar as actuacións de Rosa Cedrón, Batuko Tabanka, Xosé Manuel Budiño, Allaw, Davide Salvado e Pedro Pascual.
García Porto subliñou que “con esta iniciativa conseguimos consolidar unha programación musical de calidade que ten a súa raíz no ámbito tradicional, achegando aos veciños de Lugo concertos de primeiro nivel totalmente gratuítos. Ademais, axudamos a fomentar e difundir o traballo dos artistas da provincia e dinamizamos a vida cultural da cidade, propoñendo un plan alternativo durante as fins de semana do mes de marzo”.
5 concertos de balde
O sábado 4 tivo lugar a primeira actuación do MusicAD a cargo da violonchelista lucense Rosa Cedrón, que interpretou o seu traballo Nada que perder. O mércores 8 de marzo, con motivo do Día Internacional da Muller, actuou o grupo Batuko Tabanka, un conxunto de doce mulleres de Cabo Verde, afincadas en Burela, e que naceu co obxectivo de dignificar a cultura caboverdiana e lembrar a procedencia da nai África en todos os expoñentes culturais posíbeis.
O sábado 11 foi a queda para o compositor Xosé Manuel Budiño, que fixo gala da súa música con raíces na tradición galega e mesturada sutilmente cos sons máis contemporáneos. Xa o sábado 18, actuou o grupo galés Allaw, composto por Dylan Fowler, Oli Wilson-Dickson e Jamie Smith. Neste concerto, a formación galesa trasladou ao público lugués a unha viaxe musical a través da India, Bulgaria, pero, sobre todo, na súa actuación percibiuse a paixón polas vellas cancións de Gales.
Finalmente, o sábado 25 o artista Davide Salvado e o músico Pedro Pascual interpretaron Lobos, o seu último traballo, poñendo fin a esta nova edición do MusicAD, que pecha cun éxito rotundo de asistencia.
Outras Miradas
En paralelo aos concertos, a Capela de Santa María acolleu ata o 26 de marzo a exposición fotográfica Outras Miradas, da fotógrafa Alex F. Con esta colección de 20 instantáneas, a autora reflectiu a rotura de pautas sociais establecidas, e ao mesmo tempo, mostrou as desigualdades e discriminacións que sofren as mulleres a diario.











