Trinta concellos coruñeses repartirán 5.000 libros este fin de semana na campaña “Libros para sermos Libres”
A área de Cultura da Deputación da Coruña animará á lectura coa entrega este fin de semana de 5.000 libros en 30 concellos dentro da campaña “Libros para sermos libres”. O reparto público desenvolverase ás 12 horas do sábado, salvo cinco concellos que o farán o domingo á mesma hora. Coa iniciativa conmemórase o Día Internacional do Libro.
En espazos públicos e céntricos dos concellos ás 12 horas de sábado e domingo desenvolveranse actos públicos de reparto gratuíto dentro do programa “Libros para sermos Libres” da área de Cultura da Deputación da Coruña. Os actos terán lugar sábado 22 de abril e domingo 23 de abril, xornada en que se conmemora o Día Internacional do Libro.
Conmemórase así a xornada festiva con esta primeira fase dunha campaña que se prolongará nos vindeiros dous anos até completarse a totalidade dos 93 concellos coa entrega de 15.000 exemplares do fondo da Deputación.
“Trátase dunha iniciativa pioneira que quere visibilizar o libro e promover a lectura na poboación, aproveitando a celebración dunha data que se conmemora en todo o mundo”, explica a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín.
Os libros con que se agasallará á veciñanza dos distintos concellos proveñen dos fondos da Deputación da Coruña e son títulos de edición propia entre os que se encontran as obras gañadoras de premios como o Torrente Ballester, o Rafael Dieste, o Murguía, o Castelao ou o González Garcés, ademais doutros que se refiren ás recentes conmemoracións como o Día das Artes Galegas coa artista Maruxa Mallo como protagonista. Entre a selección de títulos atópanse tamén clásicos como “Cousas” de Castelao, centro dun recente programa literario-teatral que se realizou en diversos concellos.
Goretti Sanmartín agradeceu o compromiso do persoal técnico e responsábeis políticos dos concellos que distribuirán este fin de semana os libros en actos simultáneos que terán lugar en espazos céntricos, prazas e centros culturais.
“Os concellos comprometéronse no reparto dun fondo composto por libros de calidade nunha iniciativa que ten como obxectivo animar os concellos e colaborar coa súa programación para o Día Internacional do Libro”, explicou a responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña.
Nesta primeira fase, que terá continuidade nos dous anos seguintes, incluiranse na distribución obras de narrativa, ensaio ou poesía. Entre os títulos de poesía atópanse obras gañadoras ou finalistas do González Garcés de autores como Ramiro Fonte ou Helena Villar Janeiro. Obras de narrativa gañadoras do Torrente Ballester como A choiva do mundo de Xosé Manuel Pacho Blanco ou teatrais do Rafael Dieste como Final de película de Gustavo Pernas ou A ciencia dos anxos de Inma Antonio xúntanse a outras de ensaio e investigación como o clásico Alfarería tradicional en Buño de Luciano García Alén ou de banda deseñada como Mensaxes de Mariano Casas.
Os lugares de reparto nas dúas xornadas son os seguintes:
SÁBADO 22 DE ABRIL ÁS 12 HORAS
A Pobra Xardíns Valle-Inclán
Ames Praza da Maía-Bertamiráns
Arteixo Carpa na Rúa do Balneario
Arzúa Biblioteca Pública Rosalía de Castro
Betanzos Biblioteca Municipal Alfonso Castelao
Camariñas Praza do Mercado
Cambre Parque da Igrexa
Cariño Praza Porta da Pulida
Cerceda Campo da Feira
Coirós Centro Social
Corcubión Praza de Castelao
Fene Praza Verde e Biblioteca Pública Municipal
Laxe Praza de Ramón Juega
Mazaricos Campo da Feira da Picota
Monfero Colexio Xestal
Mugardos Praza do Concello
Muros Curro da Praza
Padrón Rúa Tetuán
Ponteceso Praza do Campo
Porto do Son Praza da Biblioteca Pública Municipal
Ribeira Biblioteca Pública Municipal
Santa Comba Praza diante da Casa de Cultura
Santiso Axencia de Lectura de Santiso-Agro do Chao
Sobrado Praza do Concello
Vimianzo Castelo de Vimianzo
DOMINGO 23 DE ABRIL, ÁS 12 HORAS
Boqueixón Campo da feira de Lestedo
Curtis Recinto Feiral
Negreira Campo da Feira
Pontedeume Casa da Cultura-Alameda
Sada Praza de San Roque











