Posta en marcha do Comité Técnico Asesor de Reestruturación Parcelaria de Pontevedra

José Manuel Cores Tourís na constitución do comité
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asistiu esta mañá ao primeiro Comité Técnico Asesor de Reestruturación Parcelaria de Pontevedra.
Este comité ponse en marcha con carácter provincial a través da Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia e está composto por representantes dos distintos organismos e entidades con competencias na zona de actuación co obxectivo de coordinar as distintas tramitacións que se deben levar a cabo durante o proceso de concentración parcelaria, así como analizar as situacións preexistentes, as actuacións previstas e as incidencias ocorridas durante os procesos de reestruturación parcelaria.
Deste xeito, son membros, en primeiro lugar, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, en calidade de presidente do comité; o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo; a secretaria xefa da Área Xurídica, así como responsables do AGADER e dos servizos de Infraestruturas Agrarias, de Explotacións Agrarias, de Montes e da Loita contra Incendios. Tamén estiveron presentes responsables do Servizo de Conservación da Natureza, de Augas de Galicia e de Urbanismo, así como de Patrimonio Cultural.
Por outra banda, tamén asistiron responsables de Unións Agrarias, así como o representante nomeado pola Fegamp, o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña.
A concentración parcelaria na provincia de Pontevedra iniciouse nos anos 60, contando xa con 163 zonas rematadas que corresponden a un total de 50.801 hectáreas que afectan a 65.030 propietarios. Continúase a traballar na actualidade noutras 38 zonas abertas, das que 16 están en fase de acordo e 15 teñen toma de posesión dada, o que supoñen 27.995 hectáreas máis a concentrar con 29.310 propietarios.
“O ano pasado, dende a Consellería de Medio Rural, contratáronse obras e servizos técnicos para avanzar nas zonas por un montante de máis de 7,6 millóns de euros”, explicou Cores Tourís, quen engadiu que “para o plan de reestruturación parcelaria deste ano, temos previsto investir un total de 12,5 millóns de euros en obras e servizos en tódalas zonas abertas.
Por comarcas, no Salnés atópanse abertas as de Oubiña 2º Sector (Cambados), San Martiño-A Armenteira sector 1 e 2 así como a de Nogueira, a de Paradela e a de San Salvador (Meis), Catoira Norte e Sur, Baión e Tremoedo (Vilanova de Arousa) e Lois-Monte de Ribadumia.
No Deza, Duzame-Insua-Portodemouros e Brandariz (Vila de Cruces), Oleiros (Silleda), Cercio, Noceda-Bendoiro, Val-Bermés-Sello, Vilatuxe e Santa Baia de Losón (Lalín), e Val de Camba (Rodeiro).
No Tabeirós-Terra de montes, Arca-Nigoi, Codeseda e Monte Val do Vea sector II (A Estrada), así como Meavía-Quintillán (Forcarei).
Na comarca de Caldas de Reis, Troáns sector 1 e 2 (Cuntis), Briallos e Romai (Portas) e Godos e Saiar (Caldas).
No Condado-A Paradanta, Oroso (A Cañiza) e A Graña-Campo, Barciademera e Prado-Godóns (Covelo).
Finalmente, na comarca do Baixo Miño, Estás-Goián-Figueiró (Tomiño), e na de Pontevedra, Curro-Portela, Pedecanai-Barro II e Agudelo-Barro-Valiñas (Barro).











