Os enxeñeiros informáticos de Galicia premian á Deputación de Ourense pola iniciativa “Provincia Intelixente”
A iniciativa “Ourense Provincia Intelixente” da Deputación de Ourense, impulsada por Manuel Baltar, resultou gañadora do “Premio Iniciativa da Administración” do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). O xurado valorou a aplicación do concepto de “Smart City” ao eido provincial, de xeito que unifica e centraliza esforzos nun gran proxecto cunha visión global da provincia, no que sumará a xestión de 7.273 Km e solucións para os seus 424.652 habitantes, dos que 109.779 son residentes no exterior. Trátase dunha iniciativa que xa está en marcha despois dunha primeira fase de análise e definición.
A concesión do premio comunicoullo hoxe ao presidente da Deputación de Ourense o presidente Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez, na reunión que ámbolos dous mantiveron no Pazo Provincial. O galardón entregarase no decurso da “Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro 16 de xuño.
A iniciativa “Provincia Intelixente” inscríbese no Plan Ourense 15-19 da Deputación de Ourense, que recolle 77 accións a executar en 48 meses e que pretende converter a provincia nun referente nacional e internacional no ámbito da innovación na xestión pública, de xeito que a Deputación sexa un “Concello de concellos” baixo unha visión global para atender os 92 municipios da provincia.
Á hora da concesión do galardón, os membros do xurado do CPEIG valoraron a xestión da información dos concellos desde un punto de vista único con tres obxectivos: cooperación, optimización de recursos e redución de custos. Deste xeito, conseguirase a mellora do modelo de gobernanza; transparencia e apertura dos gobernos, e a mellora da calidade dos servizos prestados e control dos contratos de servizos. Tamén se acadará a mellora da calidade medioambiental da provincia; a redución do gasto público e a mellora da coordinación entre servizos e administracións, así como o apoio aos gobernantes na mellora da toma de decisións, e o fomento da innovación e o emprendemento.
A plataforma “Provincia Intelixente” integrarase con sistemas expertos aplicables a cada eido temático: solución transversal para todos os sistemas de información, recompilación de información desde diversas solucións, analítica (descritiva e preditiva) da información recompilada, e interoperabilidade e reutilización. Todo isto redundará nun gran obxectivo final: incremento da calidade de vida da cidadanía e xestión prudente dos recursos.











