O V Circuíto provincial de carreiras populares “Deputación da Coruña” chega a 30 concellos
Un total de 30 concellos da provincia da Coruña acollerán, ao longo do presente ano, outras tantas carreiras incluídas dentro da V edición do Circuíto de carreiras populares “Deputación da Coruña”, organizado pola área de Deportes da institución provincial coruñesa en colaboración coa Federación Galega de Atletismo.
A axenda das competicións, que se estende entre os meses de abril e decembro, contará este ano con dúas carreiras máis polo que ambas entidades esperan acadar nesta quinta edición a cifra récord de 18.000 participantes, superando os máis de 15.000 do ano pasado nas diferentes categorías (benxamin, alevín, cadete, xuvenil, absoluta e veteranos).
Teo, Oroso, O Pino, Frades, Culleredo, Outes, San Sadurniño, Zas, Ponteceso, Carballo, Cee, Curtis, Muxía, Laracha, Cambre, Carnota, Ferrol, A Pobra do Caramiñal, Noia, Ordes, Cabana de Bergantiños, Ribeira, Sada, Brión, Ames, Rianxo, Negreira, Boiro, Porto do Son e Fene serán os municipios que acollerán as carreiras en 2017.
O deputado responsable da área de Deportes, José García Liñares, presentou hoxe o evento e destacou que a Deputación da Coruña “foi pioneira” na posta en marcha dun circuíto provincial de carreiras, unha actividade deportiva que hoxe tamén se organiza noutras provincias, e agradeceu a “extraordinaria labor de organización e coordinación das probas” que leva a cabo a Federación Galega de Atletismo.
Asimesmo, García Liñares sostivo que o circuíto de carreiras populares “chega á súa quinta edición como un evento consolidado na ampla axenda deportiva da provincia, como desmostra o incremento do número de participantes que cada ano rexistran as carreiras e que esperamos que este ano bata récords”.
Carreiras en Oroso e O Pino esta fin de semana
O circuíto, conformado este ano por 30 carreiras noutros tantos municipios coruñeses, comezou o pasado sábado coa VII Carreira “Batalla de Cacheiras” , en Teo, unha proba de 9 quilómetros que gañaron o arzúan Lolo Penas (New Balance) en categoría masculina e Tina Fernández (Urban Runners Santiago) na feminina. A organización instalou no alto de Montouto unha escultura na que se irán inscribindo, ano a ano, os nomes do gañadores desta proba.
O sábado 29 e o domingo 30 de abril terán lugar as carreiras pedestres dos concellos de Oroso (10 quilómetros) e O Pino, unha proba clásica que chega xa á súa decimocuarta edición, nas que está prevista a participación duns 1.000 corredores nas diferentes categorías que abarcan dende os veteranos aos prebenxamíns.
O calendario continuará no mes de maio coa IV Carreira popular Concello de Frades (13 de maio), VI Carreira popular Ría do Burgo (Culleredo, 14 de maio), X Carreira popular de Outes (17 de maio) e IV Carreira popular do Concello de San Sadurniño (28 de maio). Zas, Ponteceso, Carballo e Cee acollerán probas durante o mes de xuño, mentres que en xullo Curtis, Muxía e Laracha serán os municipios que conten con carreiras do circuíto.











