O traslado do novo CIAE 112 á Estrada transcorre con total normalidade
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, indicou esta mesma mañá que o traslado ao novo Centro Integrado de Atencións ás Emerxencias (CIAE-112), transcorreu con total normalidade, sendo recibida a primeira chamada ás 00,51 horas e sen incidencias reseñables ao longo da noite.
O operativo do traslado, que deu comezo onte á noite desenvolveuse como estaba previsto grazas á programación planificada durante os últimos meses e que se demostrou totalmente efectiva. A seguridade foi en todo momento a prioridade absoluta da Xunta, por iso se analizaron con detalle os servizos mínimos decretados polo xuíz, para garantir que non houbera ningún risco para a prestación do servizo.
Luis Menor indicou que a primeira chamada recibida no novo Centro de Atención Integrado de Atención ás Emerxencias foi atendida ás 00,51 h, non habendo ningunha circunstancia destacable ata o de agora e desenvolvéndose todo o operativo con total normalidade. Así, ata as 11,30 h foron recibidas 934 chamadas e 186 incidencias.
O director xeral de Emerxencias e Interior, que estivo en todo momento supervisando o traslado, xunto ao xerente da Axega, Juan José Muñoz, agradeceu aos traballadores e aos responsables das emerxencias involucrados no traslado a súa labor imprescindible e profesionalidade para que todo saíse segundo o establecido.