O remanente de tesourería da Deputación de Ourense permitirá destinar 4 millóns de euros á cooperación cos concellos
A comisión informativa Especial de Contas e de Facenda e Economía da Deputación de Ourense abordará mañá mércores o expediente nº 2/2017 para a modificación de créditos nos vixentes orzamentos da Deputación, que ascende a 4.750.104,37 euros, cantidade financiada co remanente de tesourería da institución provincial e que se destinará a temas de deporte, cultura, medio ambiente, termalismo e infraestruturas, entre outros.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirma que se trata da segunda modificación de créditos, “que inclúe importantes actuacións en materia de cooperación con outras administracións”, e explica que esta modificación permite, entre outros aspectos, “asinar convenios de colaboración coa Xunta de Galicia para poñer en marcha un Plan de Infraestruturas Deportivas ao cal, a Deputación de Ourense, achega 500.000 euros. Asemade, inclúe outro convenio coa Xunta para obras en centros de ensino primario, que xa puxemos en marcha en anteriores anualidades e para o cal, este ano, destinaremos 300.000 euros”.
Asemade, Baltar destaca que esta modificación de créditos “inclúe unha achega do goberno provincial de 200.000 euros para que o plan de transporte metropolitano da comarca de Ourense sexa unha realidade”.
En materia de Benestar, este orzamento recolle o plan de axudas á mocidade polo que, “todos os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes terán unha axuda directa e lineal de 6.000 euros, ascendendo a un importe total de máis de medio millón de euros”, lembra o presidente do goberno provincial.
A modificación de crédito abrangue, ademais, axudas e cooperación con máis da metade dos concellos da provincia de Ourense, tendo en conta as súas peticións en base ás actuacións que consideran necesarias nos municipios, e tamén mostra a cooperación da Deputación no ámbito empresarial “para levar a cabo actuacións que xeren emprego e riqueza, como o convenio coa Confederación de Empresarios de Ourense por importe de 100.000 euros; coa Cámara de Comercio por importe de 100.000 euros, e co Círculo de Empresarios de Galicia, por importe de 50.000 euros”, destaca Manuel Baltar, e engade que esta modificación inclúe “proxectos piloto que puxeron sobre a mesa concellos, neste caso, os de Oímbra e A Veiga, como o Plan Revivenda, e tamén vai permitir o inicio do desenvolvemento do Plan de Turismo Cultural e Creativo que fará o laboratorio cultural da Universidade de Barcelona”.
O presidente da Deputación de Ourense subliña que a modificación de crédito recolle tamén actuacións nos ámbitos termal, turístico e agroalimentario, “as cales son posibles, grazas á boa xestión orzamentaria, que permite falar, neste 2017, do maior remanente da historia da Deputación, o cal se emprega para reducir débeda e para atender ás reivindicacións de concellos, de administracións supramunicipais e de entidades privadas”.











