O programa “Coa lingua fóra” chega ao seu fin en Santiago despois de visitar máis de corenta concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSantiago de Compostela
A-
A+

Máis de 5.000 persoas participaron no programa “Coa lingua fóra” da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña que o sábado chega ao seu fin en Santiago de Compostela despois de visitar máis de corenta concellos.

O sábado ás 12 horas no Centro Sociocultural de Fontiñas de Santiago de Compostela terá lugar a última actividade do programa “Coa lingua fóra” que impulsou a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña co fin de ofrecer actividades para promocionar a lingua entre a xente máis nova nos concellos.

“Quixemos contribuír a eliminar prexuízos arredor da lingua, algúns moi arraigados e que prenderon xa na infancia e mocidade, os sectores en que, polos datos que manexamos, máis necesario é promover accións de promoción do uso da lingua porque é na franxa de idade en que máis está a diminuír a presenza do galego”, sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei. “Eses prexuízos son barreiras que frean o uso da nosa lingua e por iso consideramos interesante contribuír a desmantelalos e, neste sentido, a charla de Núñez Singala dá claves de maneira amena e próxima á mocidade”, explica Goretti Sanmartín.

O programa inclúe dous espectáculos teatrais, “A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo”, para público infantil e “Non sabes quen es”, para público xuvenil. A programación complétase cun obradoiro para público infantil con actividades manuais e de animación á lectura e unha charla para público xuvenil de Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, que tivo como obxectivo desmontar prexuízos lingüísticos que aínda están moi presentes na mocidade do noso país.

“As propostas foron moi ben acollidas tanto polo profesorado como polo persoal responsábel dos distintos concellos e co programa quíxose achegar fundamentalmente a nenos e nenas a través doutras actividades, o teatro e obradoiros”, explica Jacobo Cabezas, representante da compañía Duende Sico e director e guionista dos espectáculos.

“Coa lingua fóra” chegará ao remate o sábado ás 12 no Centro Sociocultural de Fontiñas en Santiago de Compostela co espectáculo “A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo”, para crianzas de 3 a 9 anos, despois de estar o día 27 ás 12.30 en Neda e ás 19 no Centro Torrente Ballester en Ferrol.

En total foron 28 actuación do espectáculo e o obradoiro infantil e 12 da obra e a charla destinada a público xuvenil con máis de 5.000 participantes. Pola súa parte, o coordinador do proxecto, José Romero, valorou a participación do persoal técnico e político dos concellos que están a colaborar na difusión de actividades, o que asegurou o éxito do público. Neste sentido, a actriz María dos Ángeles, que fai o papel da Mestra Tomasa, valorou ademais a participación do público infantil e xuvenil que mostrou interese e pasouno ben nas distintas actividades.

Colexios, bibliotecas e casas da cultura de máis corenta concellos acolleron as propostas do programa deste programa destinado á infancia e á adolescencia, franxas de idade especialmente castelanizadas segundo os últimos datos socioligüísticos.

Ao longo dos meses de marzo e abril e até o vindeiro sábado a campaña de dinamización lingüística completará a súa visita aos seguintes 41 concellos da provincia: A Baña, A Coruña, Abegondo, Ames, Arteixo, Betanzos, Boimorto, Boiro, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Culleredo, Dumbría, Fene, Ferrol, Fisterra, Malpica, Melide, Miño, Moeche, Muros, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Oroso, Outes, As Pontes, Ponteceso, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Vimianzo e Ordes.

26 de abril de 2017 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.