publicidade hoxe

O mercado de Tomiño érguese como exemplo da calidade e a profesionalidade das prazas de abastos galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTomiño
A-
A+
Sol Vázquez na visita ao mercado de Tomiño

Sol Vázquez na visita ao mercado de Tomiño

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou esta mañá o Mercado de Tomiño, que destacou como un exemplo da calidade e a profesionalidade das prazas de abastos galegas.

Tal e como se subliñou na visita, na que tamén participou a alcaldesa, Sandra González, a Consellería de Economía, Emprego e Industria leva apoiado a modernización das instalacións con 390.000 euros. No 2016, a axuda foi de preto de 39.000 euros, cos que se colaborou co Concello na posta en marcha de novos servizos para os clientes, ao tempo que se mellorou a imaxe común do mercado.

Sol Vázquez Abeal sinalou na visita que para continuar contribuíndo á excelencia dos mercados galegos, a Xunta activa hoxe coa súa publicación no DOG unha nova convocatoria de axudas dotada con 900.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá.

Por unha banda, os concellos poden obter axudas de ata 60.000 euros e un 70% do investimento, dependendo do estado do mercado, para a realización de melloras nas instalacións das prazas de abastos e a posta en marcha de novos servizos para os clientes. Entre as actuacións apoiadas atópanse, ademais do acondicionamento do edificio, a posta en marcha de novos sistemas de comercialización en liña, e aspectos relacionados coa loxística e a presentación do produto. Os municipios tamén poden solicitar axudas de ata 20.000 euros e o 50% do investimento a realizar para a adecuación dos espazos onde se celebran os mercados tradicionais e ambulantes, referentes na venda dos produtos locais e tradicionais de calidade.

Como novidade, este ano as asociacións e cooperativas de praceiros poderán solicitar tamén axudas para a adecuación das instalacións, e melloras no interiorismo e imaxe, a exposición do produto ou os sistemas de comercialización. Neste caso, as axudas poderán chegar ata os 40.000 euros e alcanzarán o 50% do investimento.

No caso das asociacións e cooperativas situadas en concellos polos que pasa o Camiño de Santiago poderán un ano máis solicitar os apoios para a creación de lotes de produtos con empaquetado específico no marco da iniciativa Mercados no Camiño, que busca así aproveitar as sinerxías entre turismo e comercio nas localidades polas que discorren as rutas xacobeas.

Estas actuacións apoiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria irán acompañadas da realización de iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, co obxectivo de aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.

O programa, do que o ano pasado na súa primeira edición se beneficiaron un total de 17 concellos e 8 asociacións de praceiros da provincia de Pontevedra, con axudas por máis de 600.000 euros, enmárcase no Plan de mercados excelentes de Galicia 2016-2020, que recolle 20 actuacións específicas que permiten potenciar estas infraestruturas comerciais como espazos de emprendemento e de dinamización económica, adaptados aos novos hábitos dos consumidores e vinculados ao territorio.

Dentro dese plan, este ano xa se puxeron en marcha as axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as prazas de abastos, dotadas con dous millóns de euros, e o programa de Espazos Activos de emprendemento comercial no rural, cun orzamento de 600.000 euros.

27 de abril de 2017 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.