publicidade hoxe

O Goberno da Deputación de Lugo aposta polos produtos autóctonos coa XXXI Feira do Queixo do Cebreiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLugoPedrafita do Cebreiro
A-
A+
Presentación da XXXI Feira do Queixo do Cebreiro

Presentación da XXXI Feira do Queixo do Cebreiro

O Presidente, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena, presentaron a XXXI Feira do Queixo do Cebreiro, declarada Feira de Interese Turístico Galego, que terá lugar este venres. O Goberno da Deputación vén apoiando nos últimos anos a organización deste evento, que recibiu no ano 2016 un investimento de 3.000 euros. Do orzamento 2017, o Goberno destinará a Pedrafita do Cebreiro, no marco do Plan Único, 242.000 euros. E desta cantidade, o Concello poderá investir 3.000 euros na Feira do Queixo.

Campos Conde subliñou que “apostamos polos produtos autóctonos de calidade como fonte de riqueza para a nosa provincia e, por iso, impulsamos citas gastronómicas como a de esta fin de semana, que reunirá a milleiros de persoas, contribuíndo ao aumento das ventas do queixo e axudando a afianzar unha industria creadora de postos de traballo capaz de fixar poboación nas zonas do rural lugués”.

O queixo do Cebreiro, que conta con Denominación de Orixe Protexida dende o ano 2008, esta elaborado con leite de vacún, sen conservantes nin produtos engadidos. A súa de zona de produción comprende os concellos de Pedrafita, O Courel, Cervantes, Triacastela, As Nogais, Navia de Suarna, Becerreá, Baralla, Baleira, Castroverde, A Fonsagrada, Láncara e Samos.

Programación

Durante a feira, que comezará a partir das 09.30 horas, as queixerías acollidas ao Consello Regulador: Castelo de Brañas, Queixos Santo André, Queixos Marqués de Cernadas, Queixo Fonchave e Gran Despensa Abadía de Samos, porán a venda uns 2.000 queixos a un prezo de entre 5 e 6 euros. O prezo destes varía en función do peso, dende os 300 gramos ata o quilogramo. En anteriores edicións, foron outras tantas as pezas que se venderon, acadando un volume medio de negocio de preto de 6.000 euros.

Os asistentes a esta xornada tamén poderán adquirir outros produtos elaborados de forma artesá, como mel, viño, pan, empanadas, produtos da horta, repostaría, embutidos, licores, pezas de artesanía como coitelos, pezas de coiro, madeira ou cerámica. Ademais, a partir das 11:00 horas poderán desfrutar do pasarúas da Charanga DGT e ás 12:00 horas presenciar a actuación da Asociación Cultural Xistra.

Inés López Fernández, médico de urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e colaboradora docente da USC, será a encargada este ano de realizar o pregón, acto que terá lugar ás 13.00 horas e que dará paso, unha hora máis tarde, ao comezo da comida oficial da festa.

12 de abril de 2017 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.