publicidade hoxe

O DOG publica o inicio da información pública dos proxectos de construción de dúas sendas peonís e ciclistas na estradas AC-174 e AC-190 ao seu paso por Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOleiros
A-
A+

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) o trámite de información pública para o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-174, treito Montrove-As Pedreiras, concretamente desde o punto quilométrico 2+440 ao 3+600, e na AC-190, no treito O Carballo-As Pedreiras, p.q. 0+200-0+620, e a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados por este proxecto. No seguinte enlace https://goo.gl/hWGgG8 pódense obter máis información.

O proxecto de construción sométese agora a información pública, durante un período de 30 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular por escrito, ante a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, as observacións que crean convenientes relativas á concepción global do trazado deseñado.

A senda permitirá realizar os percorridos habituais entre os núcleos de poboación e as zonas de equipamento a pé ou en bici, dun xeito cómodo e seguro. Concretamente, este proxecto ten por obxecto a creación dunha senda peonil en dous treitos no concello de Oleiros:

Na AC-174: desde Montrove a As Pedreiras, do punto quilométrico 2+440 ao 3+600. O itinerario estará conformado, por unha senda de 2 metros de anchura e unha lonxitude total de case 1.160 metros, dividida da estrada mediante un separador verde de 50 centímetros de ancho mínimo e un bordo de formigón. Esta senda executarase en formigón coloreado, pola marxe esquerda desta vía.

No caso da AC-190, abarca o treito O Carballo-As Pedreiras p.q. 0+200 a 0+620, onde igual que no caso anterior, será unha senda de 2 metros de anchura e unha lonxitude aproximada de 1.580 m, separada da estrada por un separador verde de 50 cm de ancho mínimo e un bordo de formigón. Neste caso, ao executarse a senda nunha zona na que se atravesa solo rústico de protección forestal, marxe dereita, o itinerario constituirase en solo estabilizado.

Así mesmo, hai que destacar que este é un traballo conxunto, xa que o Goberno galego consultou cos concellos onde se sitúan as sendas para que trasladasen as actuacións máis prioritarias en cada caso.

26 de abril de 2017 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.