O Corredor do Morrazo rexistrará varios cortes o venres, 21 de abril, para realizar voaduras no tramo II
O Corredor do Morrazo rexistrará cortes de tráfico hoxe pola tarde, mañá xoves e o venres, día 21, no treito comprendido entre os quilómetros 0 e 7+300, entre Rande e o enlace de Meira. Estas actuacións responden á necesidade de garantir a seguridade de usuarios e traballadores.
O tráfico desviarase, entre as 16.00 e as 19.00 horas, aínda que se fará o posible para que a duración do corte sexa a menor posible.
Concretamente, as voaduras rexistraranse do seguinte xeito:
– O mércores a zona das voaduras estará localizada entre o punto quilométrico 5+825 e 5+840.
– O xoves, as actuacións executaranse entre o p.q. 5+760 e o 5+780 e tamén no punto quilométrico 4+100.
– Finalmente, o venres, serán no desde o p.q. 5+780 ata o 5+795.
Os cambios están establecidos do seguinte xeito: en sentido Cangas-Vigo, o tráfico desvíase polo enlace de Meira-Marín pola estrada EP-1102 ata a PO-551 e no sentido Vigo-Cangas, desvíase no enlace de Rande pola PO-551.
A Autovía do Morrazo é a maior obra viaria que ten actualmente a Xunta en execución, con obras nos treitos 1 e 2 e o treito 3 en proceso de contratación, supoñendo un investimento total de 54 millóns de euros.











