Medio Rural xestionou 5,8 millóns de euros en investimentos na Terra Chá a través de diversos programas de apoio
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, destacou hoxe, durante a visita á explotación gandeira SAT Cabana, que a Consellería do Medio Rural investiu o pasado ano 5,8 millóns de euros na comarca da Terra Chá a través de diversos programas de apoio.
Deste montante global, preto de 3 millóns corresponden aos plans de mellora das explotacións e 1,3 millóns ao apoio a novas incorporacións de mozos á actividade agraria.
O delegado territorial subliñou que estas liñas de axudas están abertas neste momento, e os interesados poden presentar as súas solicitudes durante todo o mes de abril e ata o vindeiro día 2 de maio. Así, a finais do pasado mes de marzo a consellería publicou as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, a creación de empresas para os agricultores mozos, e a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións.
Estas axudas teñen por obxectivo incrementar a competitividade e o rendemento global das explotacións mediante a súa modernización e asegurar a continuidade do tecido agrario.
“É especialmente relevante —afirmou Balseiro— crear as condicións para que a mocidade labre o seu futuro no medio rural, e este tipo de programas axudan a avanzar na remuda xeracional nas explotacións”.
Neste sentido, o delegado subliñou o peso que ten o sector agrario e gandeiro na comarca da Terra Chá, “que é un exemplo de desenvolvemento pola profesionalización e o grado de modernización e de renovación xeracional que se está alcanzando nas explotacións”.
Novos servizos e infraestruturas no rural
“O rural é fundamental para a nosa provincia, tanto dende a perspectiva económica como social, e por iso dende a Xunta desenvolvemos políticas transversais que pasan pola mellora das infraestruturas, a dotación de servizos públicos e a dinamización da actividade económica”, afirmou Balseiro.
Ao respecto, o delegado explicou que a Consellería investiu máis de 840.000 euros en obras ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais nos concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade.