publicidade hoxe

Medio Rural investiu 120.000 euros na mellora e arranxo de tres pontes en Frades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

A Consellería do Medio Rural investiu preto de 120.000 euros en diversas obras de mellora e acondicionamento de tres pontes danados polas riadas no concello de Frades. A titular do departamento, Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, supervisou hoxe estas actuacións.

As obras enmárcanse no Plan de emerxencias para a mellora, arranxo e posta en valor de camiños municipais de 2016, que permitiu actuar en 12 concellos da Coruña, cun investimento total de 654.027,54 euros en toda a provincia. No conxunto de Galicia o orzamento do plan superou os 2,8 millóns de euros.

Os fondos aportados pola Xunta serviron para pavimentar, afirmar e mellorar diferentes infraestruturas danadas por riadas e outros factores climatolóxicos adversos. Entre eles, no municipio de Frades actuouse en tres puntos. Tratouse dunha ponte en Xeza (Mesós) e un pontón na pista de Reboredo – Os Carballos, así como noutra ponte no lugar de Raselo.

No caso da ponte en Xeza (Mesós) levouse a cabo unha obra de drenaxe, para corrixir o seu mal estado, que impedía desaugar o caudal do rego. No pontón da pista de Reboredo – Os Carballos actuouse para substituír a obra de drenaxe por un marco de formigón e, por último, no caso da ponte de Raselo repúxose completamente a construción.

Nesta visita, a conselleira do Medio Rural destacou a importancia de manter en bo estado as infraestruturas municipais de conexión dentro dos concellos, para atender así as necesidades dos veciños, e resaltou neste sentido o esforzo da Xunta, en colaboración coa administración local. Na provincia da Coruña os concellos beneficiarios deste plan de emerxencias en 2016 foron, ademais de Frades, os de Aranga, Cabanas, Carral, Coirós, Irixoa, Lousame, Melide, Noia, Sobrado, Tordoia e Vilarmaior.

19 de abril de 2017 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.