publicidade hoxe

Medio Rural entrega novo material para a loita contra a vespa velutina aos concellos de Arteixo, Carballo e Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoCarballoLocal PortadaOleiros
A-
A+

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, fixo entrega esta mañá de diverso material para a loita contra a vespa velutina aos concellos coruñeses de Arteixo, Carballo e Oleiros. En concreto, facilitoulles unha pértega a cada un destes municipios coruñeses.

Este material forma parte das 41 pértegas repartidas en toda Galicia no que vai de ano, 17 delas na provincia da Coruña. Estas pértegas, de 27 metros do lonxitude, son empregadas polos técnicos para chegar a zonas de difícil acceso e retirar ou deixar inactivos niños desta especie invasora. Ao longo do 2016 xestionáronse a través do operativo establecido máis de 20.000 avisos de presenza de velutina, retirándose ou deixando inactivos arredor de 10.000 niños en toda Galicia. No que vai de 2017 xa se neutralizaron uns 120.

Con respecto aos medios facilitados a municipios e apicultores, Medio Rural leva entregadas xa, desde 2015, un total de 10.800 trampas e botes de líquido atraente aos apicultores dos concellos afectados. Así mesmo, a Xunta distribuíu 436 equipos de protección individual ao persoal que participa no plan e entregou xa un total de 114 pértegas para a retirada de niños.

Plan de control

Todas estas accións forman parte do plan de control da velutina, que inclúe ademais accións formativas, de divulgación e de investigación. Así, no ámbito formativo, organizáronse xa 29 xornadas e cursos, nas que participaron máis de 1.100 persoas. No eido da divulgación, publicáronse e distribuíronse máis de 60.000 folletos informativos e 1.700 carteis sobre a velutina, ademais de encartar outros 124.000 folletos na prensa escrita das zonas afectadas. En materia de investigación, trabállase coa comunidade científica e coas universidades galegas para mellorar o coñecemento sobre o ciclo biolóxico e o comportamento deste insecto, para perfeccionar a loita contra el.

10 de abril de 2017 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.