publicidade hoxe

Medio Rural e concello de Vilalba reforzan a súa colaboración para a posta en valor das terras agrarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilalba
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse este mediodía no seu despacho de San Caetano co alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde. Ambos abordaron diferentes cuestións relacionadas coa mellora do agro e das condicións de vida dos veciños neste concello lugués.

En concreto, a xuntanza de traballo centrouse no impulso ás actuacións de reestruturación das terras agrarias no termo municipal, co fin de seguir poñéndoas en valor e facilitar o seu aproveitamento desde o punto de vista agrogandeiro, nunha zona cun peso importante da actividade agropecuaria. O rexedor municipal trasladou á conselleira o seu interese por seguir promovendo este tipo de procesos para fomentar a agrupación dos terreos e, consecuentemente, o seu mellor uso por parte dos seus titulares.

Tanto a titular de Medio Rural como o alcalde coincidiron en destacar a colaboración entre o Concello e a Consellería nesta materia, para seguir avanzando no desenvolvemento do rural vilalbés, co obxectivo final de dinamizalo e contribuír á fixación de poboación no agro deste municipio en particular e da Terra Chá en xeral. Tamén amosáronse de acordo en valorar a reestruturación parcelaria como un factor fundamental de desenvolvemento dun concello de clara vocación agrogandeira, pola súa indubidable contribución á mellora da rendibilidade das explotacións.

5 de abril de 2017 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.