publicidade hoxe

Medio Ambiente somete a información pública a proposta de declaración de espazo de interese natural dos lagos de Lousada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaXermade
A-
A+

A Xunta de Galicia informa, a través do Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/2o0xhNc ), da proposta de declaración provisional de espazo privado de interese natural (EPIN) do lugar denominado Os Lagos de Lousada, situado no concello lucense de Xermade.

Deste xeito, durante un período 20 días a contar desde mañá, todos aqueles que así o desexen poderán realizar as achegas que estimen oportunas.

A iniciativa, que hoxe se somete a información do público e que foi presentada polos propietarios dos terreos, inclúe, ademais da solicitude normalizada, unha memoria que pon de manifesto o seu compromiso de adoptar medidas de conservación e protección sobre o lugar sinalado. Neste senso, os promotores consideran que os Lagos de Lousada constitúen un entorno singular e de destacado valor natural como para ser declarado provisionalmente como EPIN.

En concreto, o ámbito sobre o que se pretende a declaración localízase na parroquia de Lousada, lugar de Muíño Novo, dentro do termo municipal de Xermade. Nesta parcela formáronse dous lagos e unha lagoa permanentes como consecuencia da presenza de antigas explotacións mineiras, que alcanzan as seguintes medidas: os lagos teñen unha superficie de 15.000 m2, aproximadamente, e a lagoa arredor de 1.500. Ademais, segundo a información achegada polos promotores, estes lagos serven para a alimentación e mantemento da fauna e dos ecosistemas do entorno máis próximo e gardan relación coa Reserva da Biosfera Terras do Miño ao estar integrado no seu ámbito territorial.

Cómpre lembrar que a normativa vixente (Lei 2/2001, do 21 de agosto) establece que, por iniciativa dos titulares do espazo, e logo de presentar os informes correspondentes, a Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá declarar como EPIN aqueles espazos que dada a súa singularidade e os valores naturais que conteñen necesiten certas garantías de protección.

Igualmente, é importante sinalar que tras este período de exposición pública e sempre que os informes preceptivos así o xustifiquen, o departamento autonómico poderá declarar, de maneira provisional, o EPIN sobre os lagos de Lousada, o que significará que os promotores disporán dun prazo de dous anos para presentar un plan de xestión e conservación do espazo.

A normativa tamén aclara que, se ben a potestade de declaración do EPIN recae no departamento autonómico con competencias no medio ambiente, a responsabilidade da xestión do espazo é da iniciativa privada.

Non obstante, toda a información relacionada con esta proposta poderase consultar nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, na Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en Lugo, na páxina web da consellería no enderezo http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion, así como no Concello de Xermade.

O segundo EPIN da actual administración

Tras a aprobación definitiva do EPIN de Sobreira de Faro, no concello pontevedrés de Oia, o dos Lagos de Pousada, en Xermade, é o segundo que tramita a actual administración da Xunta de Galicia.
Foi, precisamente, no ano 2011 cando se fixo a declaración definitiva do espazo particular de interese natural de Sobreira de Faro, despois de ter superado un período de aprobación provisional durante o que os promotores do EPIN tiveron que presentar un plan de xestión e conservación do lugar tal e como indica a normativa.

6 de abril de 2017 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.