Medio Ambiente rematará a valorización dos pneumáticos históricos co tratamento das 35.000 toneladas apiladas na Laracha
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio inicia hoxe os traballos de valorización dos pneumáticos históricos localizados en A Laracha. Así o anunciou a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, que esta mañá supervisou o inicio dos traballos, cos que se porá fin ao tratamento deste volume de residuo histórico na Comunidade.
Trátase do punto de acopio destes residuos de maiores dimensións e material, dado que se teñen inventariadas 35.000 toneladas de pneumáticos históricos. Con esta actuación dáse continuidade aos traballos realizados para a valorización do material depositado en Fene, 900 Tn, e nas Somozas, unhas 450 Tn, onde tras as labores de roza e tratamento detectouse que había máis material do inventariado. Deste xeito, ponse fin ao material deste tipo localizado na Comunidade galega e as previsións da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio son rematar os traballos no vindeiro ano, tras os 15 meses que prevé o contrato de adxudicación.
Despois das labores previas, que consistiron na roza e retirada de maleza para acceder á totalidade de pneumáticos, iniciase o tratamento do material que consisten nun triturado e clasificación das diferentes fraccións valorizables que compoñen o pneumático: caucho, metal e fibras téxtiles. Os pneumáticos son residuos cun alto compoñente de material reutilizable, con novos usos como recheos de céspede artificial, solos de parques infantís, preparados para estradas, pantallas acústicas de redución de ruídos ou mesmo redutores de ondas.
Deste modo, pódese proceder á valorización material (reciclaxe), cun envío mínimo dun 26,4% do recuperado e para a transformación enerxética o resto, tal e como indican as recomendacións incluídas na Directiva Marco de Residuos que recolle o tratamento a través da valorización.
Unha vez se rematen os traballos no punto de acopio da Laracha, na Comunidade galega teranse tratado 36.350 toneladas de residuos de pneumáticos históricos inventariados neste concello -xunto do de Fene e As Somozas, cun importe de adxudicación de 2,4 millóns de euros.
Actuación do Plan de residuos industrias
Esta actuación forma parte da estratexia global do Goberno galego en materia de residuos, que persegue a implantación dun novo modelo máis sostible, facendo especial fincapé na prevención e na valorización de residuos.
Cómpre lembrar que, aínda que estes traballos están incluídos no Plan de xestión de residuos industriais de Galicia 2016-2022 aprobado polo Consello da Xunta en decembro de 2016; o departamento que dirixe Beatriz Mato traballou para dar resposta a estes pneumáticos históricos antes da aprobación deste plan, pois a licitación do contrato ten data de 13 de maio.
Con este tipo de actuacións a Consellería fomenta a reciclaxe e a valorización dos residuos; ao tempo que da resposta e minimiza o impacto ambiental e o risco asociado á existencia de residuos históricos de pneumáticos sen tratar.