publicidade hoxe

Medio Ambiente finaliza a redacción do primeiro plan específico de potencial risco de inundación do río Umia ao seu paso por Caldas de Reis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisPontevedra
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, comunicoulle esta mañá ao alcalde de Caldas de Reis, José Manuel Rey Rey, que Augas de Galicia rematou os traballos de redacción do primeiro plan específico de potencial risco de asolagamentos do río Umia, ao seu paso polo concello de Caldas de Reis.

Este documento redactado por Augas de Galicia deberá ser analizado polos responsables municipais e polos axentes sociais implicados, polo que se presentará o contido do mesmo nun encontro aberto á cidadanía, co fin de promover a participación no programa de medidas que se adopten.

A conselleira avanzou que Augas de Galicia fixo un extenso estudo sobre unha batería de medidas que permitirán reducir a frecuencia das inundacións, ademais de mitigar e limitar os danos que os eventos inevitables poidan ocasionar.

As medidas que se formulan son de prevención, protección, preparación e recuperación, nas que primará a eficiencia de xeito illado, así como o aproveitamento das súas sinerxías no caso de combinar varias medidas.

A conselleira de Medio Ambiente recoñeceu que o que non se pode evitar é que se produzan inundacións en Caldas, pero este plan establece as medidas que, de xeito illado ou combinado, conseguirán acadar probabilidades de desbordamento baixas, xa que se trata de prever e preparar estas zonas ante episodios de asolagamentos, para protexer estes ámbitos fronte a este tipo de fenómenos e recuperar as zonas afectadas.

Recordou que a Xunta de Galicia aprobou o Plan de xestión de risco de inundacións para a demarcación Galicia-Costa que implicou a superación de distintas fases para a súa elaboración, como a identificación das áreas de risco, a elaboración dos mapas de inundacións e, por último, a definición final dun programa de medidas.

Neste sentido, recordou que o orzamento do Plan de Xestión implica mobilizar un importe de case 68 millóns de euros ata o ano 2021, dos cales a Xunta achegará case un 70%, para a posta en marcha de medidas de restauración hidrolóxica-forestal, de intervencións en canles e áreas propensas a inundacións, programas de mantemento, ou normas de xestión da explotación de embalses que teñan un impacto significativo.

26 de abril de 2017 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.