publicidade hoxe

Medio Ambiente destaca o papel dos veterinarios na implantación das medidas para os retos da nova Lei de benestar animal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, destacou esta mañá o papel que o novo proxecto de Lei de Benestar Animal establece para o colectivo profesional dos veterinarios, xa que será clave na implantación das medidas que melloren o benestar dos animais e permita acadar os retos que persegue este novo texto legal. Así o trasladou esta mañá durante un encontro cos membros do Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense, aos que lles adiantou que o texto normativo xa foi remitido ao Parlamento para continuar coa súa tramitación.

Trátase da primeira reunión dunha rolda de contactos que inicia a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio -despois da entrada do texto no Parlamento- para presentar e difundir a todos os axentes implicados o contido desta nova lei, que ten por obxectivos principais loitar contra o abandono e perseguir o maltrato.

Indicou que o novo texto busca loitar contra o maltrato animal, non só na súa representación como violencia extrema, senón tamén noutras formas de manifestación, como o feito de someter aos animais a condicións hixiénicas e sanitarias cuestionables por fins estéticos. Neste sentido, invitou a este colectivo a facer pedagoxía e trasladar aos responsables dos animais a necesidade de evitar estas prácticas que soamente buscan manter unhas características de tipo racial ou estético .

Outra das demandas da directora xeral foi a divulgación da necesidade de exercer unha tenza responsable, como mellor e principal instrumento para prever o abandono e o maltrato animal. Animounos a colaborar coa Xunta na divulgación do contido desta lei entre as persoas de idades más cativas e cidadáns en xeral, para formalos e conciencialos da necesidade de protexer aos animais.

Por último, destacou que o texto é froito do diálogo e así seguirá a ser grazas ao Comité Consultivo para a Protección Animal, no que ademais da Xunta estará representada: a Federación Galega de Municipios e Provincias, as asociacións de protección e defensa dos animais, o Consello Galego de Colexios Veterinarios, así como das entidades de carácter medioambiental.

27 de abril de 2017 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.