publicidade hoxe

Licitada a construción dunha senda para mellorar a seguridade peonil no acceso ao porto de Betanzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBetanzos
A-
A+

A Deputación da Coruña destina124.482,43 euros para diversas obras de mellora da seguridade viaria na estrada DP0901, de acceso ao porto de Betanzos.

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a a licitación destes traballos, incluídos dentro do Plan de Sendas Peonís da institución provincial, polo que as empresas interesadas poderán presentar ofertas dentro do prazo establecido de 26 días naturais.

Segundo explicou o deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, as obras financiadas pola Deputación inclúen a construción dunha nova senda peonil, que conectará os tramos de beiravías existentes entre os puntos quilométricos 0 e 0+260. “Este itinerario peonil discorrerá integramente pola marxe esquerda da estrada e terá un ancho medio de dous metros, que contribuirá a mellorar a seguridade das persoas que se desprazan a pé pola zona e que actualmente apenas contan con espazo para transitar pola marxe da calzada”, afirmou Pequeño.

Mellora do firme e instalación dunha varanda de madeira

A senda realizarase con pavimento continuo de formigón, separando a zona da beiravía cun bordo de formigón prefabricado. Así mesmo, remodelaranse as beirarrúas existentes cos mesmos materiais, para dotar á senda dunha estética unificada, e colocarase unha varanda de madeira de pino tratado para separar o paso peonil do talud.

Paralelamente, mellorarase o firme deste tramo do vial, coa aplicación de mestura asfáltica en quente, reparando así todas as imperfeccións e degradacións da calzada.

O proxecto redactado polo Servizo de vías e Obras da Deputación tamén contempla a e a sinalización do tramo, mediante o pintado da liña de borde de calzada, así coma o rotulamento de diferentes sinais.

Para mellorar a seguridade e posibilitar o mantemento do tráfico durante os catro meses que durarán os traballos, executaranse primeiro as obras nunha marxe e posteriormente noutra, de modo que se poderá manter o tráfico nun dos carrís en todo momento.

26 de abril de 2017 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.