Goretti Sanmartín anima ás institucións a sumar forzas na presentación da Gala do Libro Galego 2017

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A responsábel da área de Cultura e vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, animou a seguir o exemplo da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia que por segunda vez organizan conxuntamente a Gala do Libro Galego para “sumar forzas” para afortalar un sector de que precisa “unidade neste ámbito que é de especial relevancia na nosa cultura e para a nosa lingua”.

Goretti Sanmartín, participou na presentación do evento xunto co alcalde de Santiago, Martiño Noriega e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ademais de representantes das tres entidades do libro, Cesáreo Sánchez, da AELG, Xosé Ballesteros da AGE e Antón Pedreira da Federación de Librarías de Galicia e recoñeceu o interese de traballar conxuntamente nun momento en que é preciso “darlle a volta á situación para asegurar o futuro do libro galego”.

“Conseguiuse unha unión que temos que reivindicar para facer a parcelaria tan necesaria, xuntarse porque o que preocupa é difundir, poñer en valor, mostrar a grande calidade da creación editorial e literaria galega”, dixo Goretti Sanmartín quen avogou pola necesidade de que toda “a sociedade se xunte arredor do libro”.

Neste sentido, comprometeu o apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña para a celebración do que definiu como “a gran festa do libro” mais tamén advertiu que é necesario “seguir consolidando forzas e sinerxias para darlle a volta á situación xa que os datos feitos públicos hai só uns días polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do rexistro do ISBN evidencian unha diminución do 13,1 por cento dos títulos en galego no pasado ano en que se publicaron 1.211 títulos na nosa lingua mentres que, segundo vemos, os libros inscritos no noso país soben de 2.266 a 2.388 e vemos tamén que os libros en castelán, catalán e euskera aumentan”.

Cos datos na man, Goretti Sanmartín alertou de que estamos diante dunha “noticia negativa non só para o sector senón tamén para a nosa lingua polo que, desde as institucións e as entidades temos que comprometernos para darlle a volta a esta situación porque precisamos un mundo do libro forte e consolidado”.

“As tres entidades, a AELG, a AGE e a Federación de Librarías de Galicia estanos a dar un exemplo do camiño a seguir xa que, xuntas, conseguiron que a Gala do Libro sexa unha festa grande, que teña unha maior visibilidade e que todas e todos miremos para o ronsel de títulos, autores e autoras e proxectos que neste momento son finalistas e dentro duns días serán gañadores e gañadoras”, engadiu na súa intervención na que convidou a ler libros en galego xa que esa é tamén a clave do futuro do sector.

“Non estamos diante dunha mercancía calquera, aínda que se venda nas librarías, nin dun produto coma outros, aínda que se “fabrique” nas editoriais nin de calquera obra aínda que sexan escritores e escritoras quen a elaboran. Estamos a nos referir a un elemento clave do noso progreso, do noso devir como sociedade, do futuro da nosa cultura”, defendeu a vicepresidenta da Deputación da Coruña ao tempo que avogou pola colaboración institucional coas entidades do sector para “construír entre todas e todos un futuro mellor para o libro galego”.

27 de abril de 2017 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.