Francisco Conde subliña que a innovación e a diversificación son o mellor aval das pemes galegas para avanzar no mercado chinés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Intervención de Francisco Conde na xornada do Club Financiero de Santiago. Foto: X. Crespo

Intervención de Francisco Conde na xornada do Club Financiero de Santiago. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe nunha xornada sobre a nova zona de libre comercio de Hengqin que a innovación e a aposta pola diversificación de produtos son o mellor aval das pemes galegas para seguir avanzando no mercado chinés. Neste sentido, Conde salientou a enorme potencialidade das exportacións cara a China, que xa se multiplicaron por catro desde 2009, alcanzando os 207,5 millóns de euros en 2016, ano no que 477 empresas galegas exportaron a este mercado, un 15% máis que en 2015.

Conde sinalou que se Galicia está a marcar o seu mellor ciclo exportador, mellorando en 2016 nun 6,4% o anterior récord de exportacións de 2015 e superando por primeira vez os 20.000 millóns de euros exportados, se debe en boa medida ao esforzo que están facendo as empresas galegas por modernizar a súa cadea de valor a través da innovación e as novas tecnoloxías.

Neste sentido, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria subliñou que a innovación da industria galega e a posición da comunidade como porta de entrada a Europa son a mellor carta de presentación que ten a comunidade ante países como China.

No encontro sobre Hengqin, a única zona designada polo Goberno de China como plataforma para promover e desenvolver o comercio con países de fala hispana, o conselleiro destacou que o mercado chinés presenta posibilidades de negocio para as empresas galegas, destacando no ámbito do comercio sectores como o de bens industriais, o agroalimentario, os bens de luxo e os servizos. Tamén existen oportunidades para o investimento no campo das enerxías renovables, o turismo, as franquicias e a distribución comercial ou as infraestruturas de saneamento.

Conde fixo fincapé na súa intervención na xornada organizada polo Club Financeiro de Santiago e Audicon en que China non só debe concibirse como un destino para a economía galega senón que pode ser o socio investidor que aposte por calquera dos nosos sectores estratéxicos para Galicia e polo saber facer e o talento galego.

Nese sentido, lembrou o compromiso do Goberno galego por ofrecer as máximas facilidades fiscais e administrativas co Plan de captación de investimentos, que prevé a aprobación da futura Lei de implantación empresarial e a ampliación da Oficina Doing Business ou a Axenda Galicia-Industria 4.0, que inclúe descontos de ata o 50% no solo empresarial.

17 de abril de 2017 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.