Deputación de Ourense e Ministerio de Industria colaboran formando dinamizadores turísticos para promocionar o “top ten” da provincia
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director xeral da Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industrial, Fernando Bayón, asinaron hoxe en Madrid, na sede central desta entidade, un convenio de colaboración que permitirá formar a dinamizadores turísticos para promocionar e atender as necesidades turísticas do “top ten” ourensán, a selección dos dez lugares máis destacados da provincia de Ourense, que determinará o Plan de turismo cultural e creativo da provincia.
No marco deste acordo, a EOI achega para desenvolver esta acción formativa un orzamento de 500.000 euros, “que permitirá –en opinión de Manuel Baltar- facer realidade o acordo plenario que selaba o Plan de turismo cultural e creativo da provincia de Ourense, unha medida máis do goberno provincial para seguir difundindo a “marca Ourense” e as potencialidades que leva consigo no ámbito do patrimonio histórico, cultural, natural e do termalismo”.
O plan formativo de dinamizadores turísticos está orientado con perfil preferente cara os titulados da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense.











