publicidade hoxe

Deputación de Lugo e Concello de Láncara colaboran na celebración da Feira da Tenreira Galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLáncaraLugo
A-
A+

O Deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega, xunto ao Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro López, presentaron este xoves no Salón de Actos da Deputación, a XIX edición da Feira Degustación da Tenreira Galega, que terá lugar o 29, 30 de abril e 1 de maio no Campo da Feira da Pobra de San Xiao, no Concello de Láncara. O Goberno da Deputación é a única administración que colabora co municipio lancarés na celebración desta cita gastronómica. Faino cunha achega económica de 3.000 euros. Ademais, doa unha tenreira a través da Granxa Gayoso Castro para sortear entre os asistentes e sufraga parte da actuación do grupo Xílgaros de Lugo a través do programa Musiqueando. Pola súa banda o Concello de Láncara inviste 20.000 euros. Deste xeito, Deputación e Concello son as únicas administracións que impulsan este evento, pois a Xunta de Galicia non o fai, aínda sendo a tenreira un produto de referencia na provincia e especialmente en toda a Comarca de Sarria.

Rodríguez Ónega destacou que “dende o Goberno da Deputación colaboramos coa Feira Degustación da Tenreira Galega co obxectivo de potenciar a actividade agrogandeira e dinamizar a economía do rural ao mesmo tempo que fomentamos o consumo de produtos autóctonos como a tenreira ou o queixo das reses do Concello de Láncara. Quero pór en valor a importancia deste tipo de iniciativas que promoven de xeito significativo o turismo nesta zona da provincia, pois esperase que participen máis de 2.000 persoas nesta XIX edición.”

Durante a celebración, degustaranse máis de 1.500 quilos de tenreira galega, que se servirán ao caldeiro ou á grela, a 13 euros por ración, acompañadas de queixos feitos con leite do municipio, pan e bebidas. A programación do evento inclúe actuacións musicais, stands de produtos autóctonos, o sorteo de varias tenreiras, un concurso de cabalos e un concurso de gando no que participarán máis de 100 cabezas de res.

Programación

Sábado, 29 de abril
De 9:00 a 13:00 horas.- Programa en directo da Radio Galega (Somos Quen), dende o Campo da Feira.
Ás 13:00 horas.- Recepción da Corporación Municipal na Carpa do Campo da Feira.
Ás 13:15 horas.- Xantar
Ás 16:00 horas.- Actuación da Banda de Música e da Asociación Cultural Val de Láncara.

Domingo, 30 de abril
Ás 17:00 horas.- Campionato benéfico de Tute en favor de Oncomed (biopsia líquida) e degustación de tenreira galega aos asistentes.

Luns, 1 de maio
Ás 9:00 horas.- Apertura da Feira de Ano.
Ás 11:30 horas.- Actuación do grupo Xílgaros de Lugo, patrocinado pola Deputación e a Asociación Val de Láncara.
Ás 12:00 horas.- Recepción de autoridades no polifuncional do Campo da Feira.
Ás 12:15 horas.- Apertura stands de degustación gratuíta de queixos artesáns.
Ás 12:45 horas.- Percorrido polo recinto feiral e visita ás instalacións do gando.
Ás 13:30 horas.- Pregón a cargo do enfermeiro do Centro de Saúde da Pobra de San Xiao, Miguel Fernández Méndez.
Ás 14:00 horas.- Xantar na carpa da Tenreira Galega.
Ás 16:00 horas.- Festa rachada a cargo dunha charanga, que se prolongará polas rúas na Pobra de San Xiao.
Ás 17:00 horas.- Entrega de premios de gando vacún.
Ás 17:30 horas.- Sorteo dunha tenreira entre todas as casas do Concellos, doada pola Granxa Gaioso Castro da Deputación. E doutra tenreira doada polo Restaurante O Pedregal entre os asistentes á comida na carpa.
Ás 18:00 horas.- Exhibición deportiva das escolas municipais no Pavillón.

27 de abril de 2017 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.