publicidade hoxe

Cores Tourís comproba a apertura ao tráfico da renovada ponte sobre o río Freixeira en Forcarei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcarei
A-
A+
Cores Tourís en Forcarei

Cores Tourís en Forcarei

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá Forcarei para comprobar a apertura ao tráfico da renovada ponte sobre o río Ferixeira ao seu paso pola PO-536.

Estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Belén Cachafeiro, así como polo xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda de Pontevedra, José Luis Díez, e o xefe da Axencia de Infraestruturas, Fausto Núñez.

A obra tivo un orzamento que roldou os 104.000 euros e supuxo a ampliación da plataforma na zona da ponte mediante unha lousa de formigón de 25 centímetros de espesor con voladizos a ambos lados da estrutura existente, coa conseguinte ampliación da calzada e as beiravías ata unha anchura de 7 metros.

Para ampliar as zonas adxacentes á estrutura e dar continuidade á sección da ponte, executáronse os correspondentes recheos en terraplén con muros de mampostería labrada. Tamén dispúxose unha beiravía para a circulación de peóns, dando continuidade á existente no tramo urbano e conectándoa coa cuneta transitable disposta ao longo da traza.

“Esta obra era moi necesaria para esta zona, xa que a dimensión da antiga ponte”, segundo apuntou o delegado territorial, “impedía a circulación simultánea de dous vehículos debido a que estreitaba a plataforma, xerando un perigo para o tráfico rodado que transitaba por esta vía”. Ademais, segundo apunto Cores Tourís, deste xeito “damos cumprimento a unha promesa realizada pola conselleira de Infraestruturas á alcaldesa da localidade, xa que estamos a falar dunha estrada moi utilizada que enlaza dous dos principais núcleos do concello, Forcarei e Soutelo de Montes, e dous polígonos empresariais”.

A solución proxectada consistiu na ampliación da calzada mediante unha lousa de 32 metros de lonxitude e 9,3 metros de anchura, con voladizos a ambos lados e executada con prelousas de celosía como encofrado perdido, para axilizar así o proceso construtivo. No lateral esquerdo da lousa proxectouse unha beiravía elevada de 15 centímetros sobre a calzada cunha anchura de 1,30 metros. A reposición do pavimento realizouse con 5 centímetros de mestura bituminosa na zona de lousa nova e con 5 centímetros de mestura bituminosa e 10 centímetros de AC22 sobre unha base de 35 centímetros de zahorra artificial nas zonas de ampliación de noiros.

Tal e como explicou Cores Tourís, as obras no requeriron expropiación algunha, “xa que todas as actuacións se encontran incluídas dentro da franxa de dominio público da estrada”.

6 de abril de 2017 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.