publicidade hoxe

Comezan as obras de construción dunha nova escola infantil da rede “a Galiña Azul” na Estrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+
Perfecto Rodríguez xunto ao alcalde da Estrada na visita ás obras

Perfecto Rodríguez xunto ao alcalde da Estrada na visita ás obras

A Xunta de Galicia vén de iniciar a construción dunha nova escola infantil da rede autonómica “A Galiña Azul” no concello pontevedrés de A Estrada, que ofertará un total de 74 prazas e 5 unidades para nenos de 0 a 3 anos.

Esta mañá, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (CGSIB), Perfecto Rodríguez, e o alcalde estradense, José Carlos López Campos, supervisaron o inicio desa actuación, que ten un prazo de execución de 12 meses, logo de que os técnicos fixeran o martes a preceptiva acta de comprobación e replanteo.

A futura escola infantil de A Estrada, que conta cun orzamento para a súa construción de 777.504,86 euros, estará situada nunha parcela da área de novo desenvolvemento desa localidade coñecida como Baiuca. O investimento global para esta actuación -incluíndo estudos, proxectos, dirección de obra e equipamento-, é de máis de 1 millón de euros. A posta en servizo deste centro, prevista para o curso 2018-2019, se traducirá nun aumento de 132 a 206 na oferta de prazas sostidas con fondos públicos para nenos de 0 a 3 anos nese municipio.

Na actualidade, o concello de A Estrada dispón dunha escola para 0 a 3 anos municipal, cunha capacidade máxima para 102 nenos (co-financiada polo Goberno galego) e doutro centro de iniciativa social de 30 prazas. O incremento da oferta situará a ratio dese municipio pontevedrés no 46%, moi por riba do 33% recomendado pola Unión Europea, rematando ademais coas listas de agarda (nomeadamente, nas quendas de mañá) que se rexistraban habitualmente na escola infantil de titularidade municipal.

O novo centro, que disporá dun total 1.200 metros cadrados (máis outros 1.200 para aparcamento, zona verde e unha pequena praza pública), asentarase nuns terreos cedidos polo Concello estradense, con fronte á rúa Benito Vigo, nunha zona dotacion de recente urbanización, na que tamén se asentará un centro de saúde.

5 de abril de 2017 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.