publicidade hoxe

‘Cemetery of splendour’ abre en Ourense a programación do CGAI no Cineclube Padre Feijoo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

O Cineclube Padre Feijoo de Ourense inicia hoxe a carteleira anual que ofrece en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) con Cemetery of Splendour, o último filme do tailandés Apichatpong Weerasethakul, que poderá verse en sesión dobre: ás 20.30 e ás 23.00 horas.

A Biblioteca Pública Nodal de Ourense, sede do cineclub, desenvolverá ata mediados de decembro esta programación conxunta baixo o título ‘Luns de filmoteca’, en virtude do convenio asinado coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Todas as películas do ciclo exhibiranse os luns nos citados horarios. As sesións de cine galego son de entrada libre, en tanto que as localidades para as restantes propostas poden mercarse ao prezo xeral de 2,50 euros ou de 2 euros no caso dos socios.

Títulos inéditos en Ourense

O programa preparado conta con estreas de autor inéditas en Ourense, co cine galego recente máis audaz e con sesións da man do festival Play-Doc como principais reclamos do que se poderá ver ata a pausa do verán. Trátase dunha escolma realizada conxuntamente polos equipos de programación da filmoteca galega e do Padre Feijoo sobre os títulos que xa pasaron nesta temporada pola sede do CGAI na Coruña e que son especialmente significativos das súas liñas de programación.

Así, a selección principia hoxe con Cemetery of Splendour, o último filme de pantasmas de Apichatpong Weerasethakul, palma de ouro en Cannes por Tío Boonmee recuerda sus vidas pasadas. Deste reputado autor poderá verse tamén a súa ópera prima, Mysterious Object at Noon, o 24 de abril. Esta película rachou fronteiras entre a ficción e o documental no ano 2000, establecendo novos horizontes para este tipo de propostas híbridas.

A obra doutro gran cineasta contemporáneo mostrarase na seguinte sesión. O 8 de maio pásase La mort de Louis XIV, retrato do monarca francés nos seus últimos días de vida, saído da mente do sempre rompedor Albert Serra.

A colaboración co festival Play-Doc levará a Ourense, a través da filmoteca, dúas das películas da retrospectiva de Dominic Gagnon, organizada este ano polo certame tudense. O canadense caracterízase por crear películas a partir de fragmentos de YouTube, realizando retratos dunha sociedade norteamericana desquiciada, xermolo da era Trump. O 15 de maio proxectarase Hoax_canular e o 29 de maio Of the North.

Tamén Novo Cinema Galego

No programa non pode faltar o mellor do Novo Cinema Galego. Deste xeito, algúns dos títulos que máis triunfan en festivais internacionais pasará tamén por Ourense: Contrafaces de Fon Cortizo (22 de maio), No Cow on the Ice de Eloy Domínguez Serén e Tout le monde aime le bord de la mer de Keina Espiñeira (5 de xuño) serán os primeiros títulos dun cine galego cada vez máis puxante fóra das nosas fronteiras.

Pecha o programa antes da pausa do verán Pedro Costa o 12 de xuño. Del porase a súa última produción, Cavalo Dinheiro, na que volve presentar un retrato do colectivo caboverdiano en Lisboa mediante unha aproximación de vangarda moi persoal, que lle valeu o respecto e un oco privilexiado na cinefilia de todo o mundo.

Ademais das do Cineclube Padre Feijoo de Ourense (que se desenvolve desde 2014) e da súa propia sede da Coruña, o CGAI manterá tamén a súa programación por segundo ano consecutivo co Cineclub Lumière de Vigo e estreará un marco de cooperación similar co Club Cultural Valle-Inclán de Lugo. Deste xeito, a entidade da Xunta de Galicia estenderá, por tanto, o seu labor de difusión cinematográfica ás catro provincias galegas.

3 de abril de 2017 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.