publicidade hoxe

Catro proxectos de Medio Rural mellorará as conexións entre as comarcas de Arzúa, Melide e Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArzúaLocal PortadaMelideOrdes
A-
A+
Ángeles Vázquez na presentación do plan de actuacións

Ángeles Vázquez na presentación do plan de actuacións

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presentou esta maña un plan de actuacións que se desenvolverá en Terras de Melide pero que tamén favorecerá ás comarcas de Arzúa e Ordes. Trátase da renovación de catro conexións entre concellos que permitirán mellorar a accesibilidade dos veciños e, como consecuencia, a súa calidade de vida.

En concreto, as actuacións que presentou hoxe a titular de Medio Rural consisten en catro proxectos: a reforma da ponte Mazaira entre Toques e Melide, o arranxo da entrada que une Melide e Sobrado e outras dúas pontes entre Mesía e Boimorto e Arzúa e Melide. O primeiro destes proxectos é unha reivindicación histórica dos veciños da zona, en especial dos pescadores de troitas do río Furelos, que acudiron hoxe á presentación da actuación. De feito, a ponte localizada en Mazaira é coñecida coma a dos troiteiros. Ángeles Vázquez comprométese con esta petición á que se lle dará resposta a través da consellería e que podería ascender a uns 300.000 euros, aínda que non está pechado o proxecto de obra.

Respecto á estrada entre Melide e Sobrado, trátase da segunda fase dun proxecto xa comezado por Medio Rural a través do plan de emerxencias de 2016 e no que se investiron 120.000 euros. Naquel momento renovouse unha zona do viario en cada concello. Entre o núcleo de Folladela e o límite de Melide limpáronse e abríronse as cunetas e pavimentouse a estrada. No concello de Sobrado, mellorouse a pista que vai dende o núcleo de Grañas en dirección Melide, ancheado a mesma, limpándoa e arranxando as fochancas con aglomerado asfáltico. Agora preténdese completar esta actuación nunha zona intermedia moi deteriorada duns 2,4 quilómetros.

Reforma de pontes

Os outros dous proxectos que se pretenden iniciar este ano son dúas pontes entre municipios. A de Mesía e Boimorto está na estrada municipal que conecta a N-634 coa
DP-1004 e comunica ambos concellos. A ponte de Boado pasa polo río Tambre e neste momento os seus catro metros de ancho e 16 de longo son insuficientes. A actuación prevista, que iría asociada ao Plan de Infraestruturas Agrarias 2017, consiste na reconstrución da infraestrutura para lograr 10 metros de ancho. A súa execución calcúlase que será de tres meses cun orzamento de máis de 312.000 euros.

Por último, a ponte entre Arzúa e Melide está sobre o río Iso, entre A Mella e Baltar. Aquí preténdese repoñer a drenaxe transversal sobre o río e, dado que a estrutura actual atópase nun estado deficiente, demolerase a obra existente para facer unha nova cimentación e o pórtico, ademais de reafirmar o camiño. Neste caso, o custe ascende a preto de 68.000 euros e as obras durarían uns seis meses.

Todas estas actuacións permitirán, en palabras da conselleira, mellorar as condicións de vida dos residentes no entorno. “Porque moitas veces facemos grandes investimentos e esquecemos que estas pequenas obras tamén son necesarias e moi útiles no día a día da poboación”, declarou a conselleira ante os veciños e os alcaldes da zona.

A conselleira estivo acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e os alcaldes dos municipios beneficiados: Dalia García Couso, de Melide, Xosé Anxo Penas, de Toques, María Jesús García, de Sobrado, Mariano Iglesias, de Mesía, María Jesús Novo, de Boimorto, e José Luis García, de Arzúa.

10 de abril de 2017 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.