publicidade hoxe

Carmela Silva asina a cesión de dous novos proxectos que se suman ao viveiro de Barro-Meis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroMeisPontevedra
A-
A+
Carmela Silva na sinatura do convenio de cesión

Carmela Silva na sinatura do convenio de cesión

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, asinou hoxe no Pazo provincial os contratos de cesión de espazos para a instalación de dúas novas iniciativas empresariais no viveiro de empresas de Barro-Meis. Estes proxectos pasarán a ocupar un total de tres naves, cunha extensión total de máis de 250 metros cadrados.

O primeiro dos proxectos, ao que se destinará unha nave de 80,70 m2, é o de Top Look Auto, unha iniciativa dedicada á restauración estética e á recuperación de vehículos. Ademais, a empresa Piscaretes ocupará dúas naves do viveiro de empresas de Barro-Meis (de 96,35 e 80,70 m2) para levar a cabo o seu proxecto de captura, explotación, procesado e comercialización de diferentes produtos invertebrados do mar.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción por “ver xente nova decidida a montar os seus propios negocios” e polo “carácter innovador das iniciativas que se suman hoxe ao viveiro de empresas de Barro-Meis”. “Isto amosa”, asegurou, “que o ser humano ten unha alta capacidade para ver oportunidades de mercado onde o resto foron incapaces”. Carmela Silva lembrou que “é moi importante que haxa moitas persoas coma elas, que repercuten na mellora da economía local e de toda a nosa provincia, á vez que nos axudan a poñernos no punto de mira da innovación, da vangarda e da modernidade”.

Pola súa banda, Xosé Manuel Fernández Abraldes sinalou que “o feito de que o viveiro de empresas de Barro-Meis estea practicamente cheo quere dicir que é un bo proxecto e que ten unhas condicións axeitadas para o seu desenvolvemento”. Ademais, o rexedor municipal asegurou que “o viveiro é unha aposta estratéxica de futuro para xerar economía e é moi importante darlles oportunidades á xente nova para que se decida a montar as súas empresas e tamén poida ver nas e nos viveiristas un exemplo para dar o paso”.

O viveiro de empresas de Barro-Meis conta con 16 naves, 24 oficinas e 3 espazos de coworking con capacidade para 12 postos de traballo. As taxas de ocupación do viveiro son do 87,5 % no caso das naves (con unicamente 2 libres) e do 58,3 % en canto ás oficinas (con 14 das 24 ocupadas ou comprometidas), isto é, unha ocupación do 70 % dos espazos dispoñibles.

25 de abril de 2017 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.