publicidade hoxe

Barro acolle a mostra “De Pontevedra a Río 2016”, homenaxe ao deporte olímpico e paralímpico da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroPontevedra
A-
A+

A exposición fotográfica “De Pontevedra a Río 2016”, organizada pola Deputación de Pontevedra, segue o seu percorrido polas vilas da provincia. Esta mostra, que lles rende homenaxe ás e aos deportistas olímpicos, por unha banda, e paralímpicos, pola outra, da provincia de Pontevedra que participaron nas últimas edicións dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, chega este mércores 26 de abril a Barro, cunha inauguración que terá lugar na casa do concello ás 20:30h á que asistirán a deputada de Deportes, Chelo Besada, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o tenente de alcalde José Sanmartín Soto.

A mostra acaba de percorrer varios concellos da provincia e poderase visitar na sala de exposicións do consistorio, os días laborais, de 9 a 14 h, ata o vindeiro 4 de maio. A exposición, que comezou no Pazo Provincial o pasado mes de outubro, xa recalou en diversas localidades da provincia como Tui, Cambados, Nigrán, Sanxenxo, Lalín, As Neves, Silleda, A Estrada, Marín, Ponteareas e O Rosal, e ao longo deste ano ten previsto estar á disposición do público nuns 15 concellos máis.

“De Pontevedra a Río 2016” recolle o palmarés das e dos 16 deportistas da provincia de Pontevedra que participaron nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos o pasado ano, nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas. As e aos 16 de “Río 2016” son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabéu Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Martín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.

25 de abril de 2017 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.