publicidade hoxe

Ángeles Vázquez destaca a importancia do correcto tratamento dos residuos de orixe animal para a saúde e o medio ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaLocal Portada
A-
A+
Ángeles Vázquez en Cerdeda

Ángeles Vázquez en Cerceda

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, resaltou esta mañá a importancia dun correcto tratamento dos Subprodutos de orixe Animal Non Destinados Ao Consumo Humano (Sandach) para “evitar riscos para a saúde humana, a sanidade animal ou o medio ambiente”. É esta regulación, relativamente recente, a que estipula como deben xestionarse materiais sensibles entre os que se inclúen cadáveres de animais infectados ou baixo medicación, peles, esterco… e que non teñen como fin último o consumo humano.

Todas estes residuos son tratados en instalacións coma as da Gestora de subproductos de Galicia (Gesuga), en Cerceda, que hoxe inaugurou unha nova planta para os subprodutos de categoría 2, aqueles que non supoñen un risco directo ao non transmitir enfermidades nin ter sustancias ilegais ou contaminantes. Inclúense aquí esterco, materiais de orixe animal recollidos ao depurar as augas residuais dos matadoiros ou que conteñan residuos de medicamentos veterinarios e contaminantes, entre outros.

Por todo iso, e para evitar que se repitan capítulos como o das vacas tolas, son imprescindibles estes procesos porque permiten que os produtos galegos cheguen aos mercados con todos os avais de calidade e respectando as normativas que os regulan. “A nova planta de categoría 2 que inauguramos esta mañá está deseñada de forma que garanta durante todo o proceso a separación e rastrexabilidade dos subprodutos que se tratan, como xa se viña facendo cos de categoría 1, máis perigosos”, sinalou Ángeles Vázquez, engadindo ademais que estes procesos contribúen a manter o bo nivel de salubridade e sanidade animal que temos na nosa comunidade.

As instalacións que Gesuga ten en Cerceda miden 40.600 metros cadrados e dan traballo a 56 persoas, con esta nova planta sumaranse outros 2.200 metros cadrados e crearanse 6 novos postos de emprego. Pero ademais a compañía dispón doutras dúas instalacións en Vilamarín (Ourense) e Outeiro de Rei (Lugo) onde conta con outros 23 traballadores en total.

Gesuga é “un exemplo do bo facer das empresas galegas que son quen de adaptarse con rapidez e á vez con rigorosidade aos novos tempos, sen ter nada que envexar ás tecnoloxías foráneas”, declarou Ángeles Vázquez.

Gesuga en cifras

Gesuga comeza a súa actividade de recollida e transporte en marzo de 2005 e co tratamento de subprodutos cárnicos en novembro dese mesmo ano. A prohibición de enterramento dos cadáveres dos animais mortos nas explotacións gandeiras supuxo unha importante cantidade de novo subproduto a procesar.

É ademais a empresa adxudicataria dende outubro de 2015 do servizo da recollida, transporte, eliminación e destrución dos animais mortos nas explotacións gandeiras galegas. Así, recolle cadáveres de animais procedentes de máis de 45.000 explotacións gandeiras galegas e procesa 60.000 toneladas ao ano coas que obtén 20.000 toneladas de produtos como fariñas de carnes e de ósos, así como graxa e peles.

6 de abril de 2017 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.