publicidade hoxe

A Xunta ultima a redacción do proxecto de ampliación da ponte que comunica a Pobra de San Xiao e a urbanización de Valdriz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLáncara
A-
A+
Ethel Vázquez no encontro de traballo co alcalde de Láncara

Ethel Vázquez no encontro de traballo co alcalde de Láncara

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, no que lle trasladou que a Xunta está a ultimar a redacción do proxecto de ampliación da ponte entre o núcleo da Pobra de San Xiao e a urbanización de Valdriz.

Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas de Galicia na comarca de Lugo, que contempla un itinerario peonil e ciclista neste treito comprendido entre A Pobra de San Xiao e a urbanización de Valdriz, así como a remodelación da ponte. O Goberno galego realizará un investimento duns 300.000 euros para levar a cabo estes proxectos.

Coa ampliación da ponte solucionarase unha demanda que o Concello vén solicitando, xa que a actual infraestrutura, pola que transcorre a estrada LU-621, é estreita e os peóns teñen que circular pola calzada. Así, unha vez executada esta mellora, optimizarase a accesibilidade entre ambos puntos e incrementarase a seguridade nesta área, facilitándolles aos veciños os seus desprazamentos a pé.

Vázquez Mourelle indicoulle ao rexedor que xa se realizaron os traballos de toma dos datos topográficos e de xeotecnia e proximamente, en canto cando se teña definido o trazado, concretarase in situ a cesión dos terreos por parte do Concello.

A titular de Infraestruturas lembrou que o Goberno galego executou recentemente a reparación da travesía da Pobra de San Xiao, na que se investiron preto de 440.000 euros. Estes traballos tiveron como obxectivo a mellora integral do treito comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 0+600 da estrada LU-621, coñecido como rúa Valdriz, que discorre polo núcleo urbano de Láncara. Rehabilitouse o firme da calzada, renováronse as beirarrúas e substituíronse os servizos que non presentaban bo estado de conservación.

17 de abril de 2017 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.