publicidade hoxe

A Xunta somete a información pública a proposta de declaración provisional da Fraga de Casas Vellas como espazo natural de interese local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal Portada
A-
A+

A Xunta de Galicia informa a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) (http://bit.ly/2p7ThVV) da proposta de declaración provisional da Fraga de Casas Vellas, en Lalín, como espazo natural de interese local (ENIL). Deste xeito, a partir de mañá ábrese un prazo de 20 días para que os interesados presenten as alegacións que estimen oportunas.

Segundo a normativa vixente en materia de conservación da natureza (Lei 2/2001, de 21 de agosto), os espazos naturais protexidos son aqueles que conteñen elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza, como derivados da actividade humana e que fosen declarados como tales.

Deste xeito, a Fraga de Casas Vellas cumpre cos requisitos establecidos pola lexislación vixente, pois, inclúe diversos hábitats de interese comunitario coa presenza de bosquetes de castiñeiros, de carballeiras galaico portuguesas con Q. robur e Q. pyrenaica e de vexetación riparia.

En concreto, o ámbito que abrangue a declaración provisional do ENIL da Fraga de Casas Vellas localízase na parroquia de Santiago de Catasós e chega á zona de Casas Vellas, así como a continuación do río Quintela e súa zona de servidume ata o límite coa estrada N-525.

Inicio dos trámites

Tal e como sinala a Lei 2/2001, no seu artigo 17, a proposta da declaración da fraga como ENIL iniciouse a petición do Concello de Lalín E agora sométese a información pública coa finalidade de que as persoas interesadas poidan remitir as súas alegacións á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Así, tras a petición dun concello e logo de solicitar os informes preceptivos pertinentes, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. A declaración é competencia da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mentres que a responsabilidade da súa xestión será municipal.

A documentación relativa ao expediente de declaración do ENIL Fraga de Casas Vellas, componse dunha memoria técnica que contén o acordo do Pleno, os planos achegados polo Concello de Lalín, os informes e polo borrador de orde pola que se declara, de xeito provisional, como espazo natural de interese local a Fraga de Casas Vellas.

Todos eles poderán ser consultados, ben nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, ben na páxina web da consellería, no enderezo: http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion, entrando na subsección de documentos en información pública.

17 de abril de 2017 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.