A Xunta remítelle ao Concello de Santiago e a ADIF a proposta de convenio para a pasarela da estación intermodal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, remitiulle hoxe ao Concello de Santiago e a Adif a proposta de convenio para cofinanciar a pasarela da estación intermodal da cidade co obxectivo materializar un paso importante para avanzar e licitar as obras desta infraestrutura este ano.

A construción desta pasarela, que conectará as terminais de autobús e ferrocarril e os barrios da cidade, consta dun orzamento duns 3,8 millóns de euros que van ser achegados polas tres Administracións, nun 40 % por parte de Adif, nun 30 % a Xunta e o noutro 30 % o Concello de Santiago.

O Goberno galego continúa a traballar para que Santiago conte o antes posible con esta infraestrutura estratéxica, baseada nun proxecto eficiente, que proporcione un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte, e que blinde unha óptima integración urbana. Trátase dunha infraestrutura de enorme relevancia no proceso de construción da cidade, cun papel clave na vertebración e cohesión entre os barrios de Santiago.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia iniciou o pasado 10 de marzo o expediente para a tramitación da estación intermodal de Santiago a través da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese. Tamén lle remitiu o proxecto ao Concello de Santiago para que a Administración local o someta a información pública, fase na que se atopa actualmente.

5 de abril de 2017 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.