A Xunta remite o convenio de adhesión ao Programa de vivendas baleiras ao Concello de Ribadumia
A Xunta remitiulle hoxe ao Concello de Ribadumia o convenio de adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras que ten por obxectivo destinar os inmobles desocupados deste municipio a alugueiro social para familias en dificultades. Este municipio pontevedrés recibirá o convenio de incorporación ao programa, xa rubricado pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, para que sexa asinado tamén polo alcalde e se devolva a continuación á Xunta de Galicia, co que quedará formalizada a integración.
Neste momento, son xa 40 os municipios, dos que sete sitúanse na provincia de Pontevedra, que forman parte desta medida social pioneira no Estado, que ten como obxectivo crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando os inmobles de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitados, contando, para isto, coa colaboración das Administracións locais.
Este convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer de 250 euros, no caso do Concello de Ribadumia, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.
Trátase de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario: que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asequible que é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta.
As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta mediante un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.
Con estes seguros que financia a Xunta o propietario ve como o piso que cede en alugueiro para axudar ás familias está totalmente asegurado e tamén se evitarían problemas como os que teñen traslado distintos colectivos sociais, polas dificultades de atopar propietarios dispostos a alugar un piso a familias en dificultades.
A Xunta reitera a importancia de que todos os municipios galegos colaboren dotándose dos instrumentos necesarios para ofrecer solucións reais a familias que teñen problemas reais en materia de vivenda, sexa cal sexa o lugar onde vivan.
Cómpre lembrar que o Goberno galego está a impulsar un total de 12 medidas, entre elas, este Programa de vivendas baleiras, un conxunto de actuacións que a Valedora do Pobo, no seu informe de 2015, recoñece “significativamente máis ambicioso que o doutras comunidades autónomas”.