publicidade hoxe

A Xunta redactará o proxecto para a construción dunha rotonda no acceso ao peirao de Portosín para incrementar a seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaPorto do Son
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Porto do Son

Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Porto do Son

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, na que lle trasladou que a Xunta prevé iniciar proximamente a redacción do proxecto para a mellora de seguridade viaria na estrada AC-550, no treito que comunica Portosín e a vía cara o peirao.

Esta actuación consistiría na construción dunha rotonda neste punto coa fin de incrementar a seguridade e a fluidez do tráfico, xa que, nesta contorna do porto circulan vehículos pesados e no período estival, coa afluencia turística, aumenta notablemente o tráfico e rexístranse atascos con frecuencia.

Neste encontro tamén se abordou a posibilidade de executar sendas nesta mesma estrada, na AC-550, co obxectivo de promover unha mobilidade máis sustentable, xa que estes itinerarios permiten que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito seguro.

O Concello de Porto do Son remitiralle á Xunta a identificación dos treitos prioritarios para a execución de sendas para que a Consellería de Infraestruturas poida encaixar as actuacións máis axeitadas ás necesidades da estrada e dos seus usuarios.

17 de abril de 2017 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.