publicidade hoxe

A Xunta promove o emprendemento innovador e a dinamización da economía cun espazo coworking en Monforte de Lemos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través do Igape, e coa colaboración da Fundación Escuela de Organización Industrial (EOI), celebrou hoxe en Monforte de Lemos unha xornada informativa para difundir a segunda edición -das catro programadas- do espazo coworking da localidade. Esta iniciativa trata de promover o emprendemento innovador e dinamizar a economía rural.

Axentes de emprego e outros representantes sociais e económicos da comarca de Lemos puideron informarse con detalle de todo o relacionado con esta segunda convocatoria -cuxo prazo remata o vindeiro venres, 28 de abril- e coñecer de primeira man a iniciativa a través da experiencia dalgúns dos participantes do ano pasado. En concreto, asistiron os promotores dos proxectos Frikimonforte, Turismo en Ribeira Sacra, Vida Centro de Día e Yummy Trip.

Na anterior edición, o espazo coworking contou cun total de 16 proxectos desenvolvidos polos 18 emprendedores que formaron parte desta actuación. Os participantes recibiron o asesoramento preciso para realizar o seu proxecto coa maior garantía de éxito. Entre as ideas de negocio que se presentaron destacaron plataformas dixitais nos eidos do turismo ou a ecoloxía, a comercialización de xeito novidoso de produtos ecolóxicos, o fomento de produtos alimenticios naturais da comarca ou o desenvolvemento de novos servizos turísticos personalizados e adaptados ao medio.

Este espazo é un dos sete que a Xunta puxo en marcha o pasado ano en varias localidades: ademais de en Monforte, en Mondoñedo, Santiago, Ferrol, Cabana de Bergantiños, Celanova e Xinzo de Limia. En total, dos 7 espazos beneficiáronse 139 emprendedores que presentaron 119 proxectos e que accederon a servizos como a tutorización das súas iniciativas, formación, eventos para favoreceer o networking, así como o uso de tecnoloxías da comunicación.

Os espazos completan a Rede de Aceleradoras nas que a Xunta investiu 12 millóns de euros para impulsar máis de 500 proxectos nos últimos 4 anos como Agrobiotech en Lugo e Ourense; Vía Lugo en colaboración con Zona Franca, como parte de VíaGalicia; Business Factory Auto en Vigo; Galicia Open Future con Telefónica e Connecting for good Galicia, xunto con Vodafone, en Santiago; e as 6 novas aceleradoras centradas en proxectos I+D+i apoiados desde o eido privado.

26 de abril de 2017 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.