A Xunta promove a mellora de coñecementos sobre trastornos aditivos entre o persoal dos centros de menores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
José Manuel Rey Varela na xornada sobre esta temática. Foto: X. Crespo

José Manuel Rey Varela na xornada sobre esta temática. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acudiu esta mañá á xornada sobre trastornos aditivos dirixida ao persoal técnico dos centros de menores de protección e centros para o cumprimento de medidas xudiciais.

Os obxectivos do encontro, celebrado en colaboración da Consellería de Sanidade, son mellorar os coñecementos nos factores de prevención do inicio e mantemento do consumo das sustancias aditivas entre os adolescentes, aumentar a capacidade de actuación como transmisores de información, actitudes e valores preventivos de drogodependencias aos menores, proporcionar directrices básicas para o uso responsable de internet e as novas tecnoloxías entre os adolescentes e aumentar o coñecemento sobre os aspectos legais dos controis de consumo.

A xornada contou con dúas partes diferenciadas na que interviñeron diferentes profesionais do eido. Deste xeito, na primeira parte abordouse a prevención de condutas aditivas con sustancia e sen sustancia na adolescencia. Tamén se proporcionaron directrices básicas para facilitar o uso responsable de internet e as novas tecnoloxías entre este grupo de poboación. Na segunda parte proporcionouse información sobre os recursos e programas terapéuticos cos adolescentes con adicións e cuestións relacionadas coa patoloxía dual e de carácter xurídico legal en materia de menores relacionados co control de consumo de sustancias tóxicas, psicotrópicas ou estupefacientes.

José Manuel Rey Varela agradeceu o labor dos profesionais dos centros de protección, dos centros de reeducación e dos centros de intervención educativa en medio aberto, que “traballan a diario con menores, axudándolles a desenvolverse a nivel persoal e tratando as diferentes necesidades e carencias que presentan”, afirmou o conselleiro.

Esta xornada realizouse no marco da Estratexia de Inclusión Social 2014-2020, a cal prevé a realización de accións formativas sobre drogodependencias ao persoal educador dos centros de protección de menores.

27 de abril de 2017 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.