publicidade hoxe

A Xunta impulsa a prevención de riscos laborais nas pemes e a investigación dos accidentes a través do ISSGA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Covadonga Toca nas xornadas en Ferrol

Covadonga Toca nas xornadas en Ferrol

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Ferrol nas XIV Xornadas galegas sobre condicións de traballo e saúde que organiza a Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña e a Asociación de Graduados Sociais de Ferrol co apoio da Xunta. Estas xornadas, que se organizan cada dous anos, cumpren 30 anos desde a súa primeira edición. O programa de tres días de duración inclúe relatorios con expertos da Universidade, os sindicatos, a empresa e a Administración.

Toca lembrou que esta semana se conmemora o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo e destacou que a loita contra a sinistralidade laboral é unha prioridade para a Xunta. Por iso, sinalou que o Goberno galego está impulsando, entre outras iniciativas, a formación e prevención de riscos laborais nas pemes e a investigación dos accidentes de traballo, coas actuacións que desenvolve o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).

Estas actuacións teñen un carácter integral, en canto se dirixen a todos os sectores de actividades e acollen actuacións en todas as disciplinas de prevención de riscos laborais. Cabe destacar, ademais, o traballo xunto cos interlocutores sociais nas políticas de prevención. Así, entre outras actuacións que se están a levar a cabo, destaca a actividade do Observatorio Galego de Condicións de Traballo, os programas de redución da sinistralidade nas empresas ou de xeito específico nos sectores de maior risco e as iniciativas dirixidas a colectivos de traballadores especialmente sensibles.

O ISSGA tamén leva a cabo unha importante oferta formativa, e participa en grupos de estudo e investigación, ademais de promover e sensibilizar mediante campañas e colaboracións con colectivos e entidades no eido da seguridade no traballo. Conta tamén coa Escola Galega de Prevención, para inculcar desde nenos o valor da prevención.

O Goberno galego incrementou este ano o orzamento e as actuacións de promoción e impulso da prevención de riscos laborais que leva a cabo o Instituto, así como o control do cumprimento das obrigas preventivas que se realizan en coordinación coa Inspección de Traballo. Así, o orzamento destinado a reducir a sinistralidade e impulsar a calidade no emprego aumentou este ano nun 6%, ata chegar aos 7,5 millóns de euros. Así mesmo, estase reforzando a actividade inspectora en materia de seguridade e saúde laboral con máis de 7.200 actuacións.

A secretaria xeral sinalou que o obxectivo é dar un pulo ás políticas e medidas encamiñadas á prevención e dar resposta ás demandas do tecido empresarial galego coa participación no deseño das actuacións dos axentes sociais e económicos. Indicou, ao respecto, que a prevención de riscos laborais ten que ser “unha actuación de todos”.

Toca detallou, así mesmo, que a Xunta está ultimando a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017-2020, unha folla de ruta que está enmarcada na Axenda 20 para o Emprego e incidiu na importancia de acadar “unha verdadeira implantación da prevención dos riscos laborais nos centros de traballo” facéndoa extensiva a toda a sociedade. “Debemos abordar no marco do diálogo social a negociación para chegar a acordos e puntos de consenso que reforzarán o nivel de implicación de todos por este compromiso común”, rematou.

25 de abril de 2017 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.