A Xunta facilita a doentes de cancro e familiares o uso das instalacións do complexo LUG II

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Xunta de Galicia facilitará aos doentes de cancro o os seus familiares o uso en condicións vantaxosas das instalacións do complexo residencial LUG II, que depende da Consellería de Política Social.

A Delegación Territorial acolleu hoxe a sinatura do convenio entre a dirección do centro e os responsables da delegación en Lugo da Asociación Española contra o Cancro. Participaron no acto o delegado territorial, José Manuel Balseiro; José Luis Garza, responsable da xestión do complexo, e María Luz Abella, presidenta da asociación.

O delegado territorial explicou que o obxectivo é que os doentes e os seus acompañantes que, procedentes doutros puntos, deban recibir tratamento ou trasladarse a Lugo por calquera circunstancia, poidan ter este centro de referencia para os servizos de aloxamento e manutención.

O LUG II ofertará prezos especiais -8 euros o aloxamento e 5 a comida, entre outros- para as persoas procedentes da Asociación Española contra o Cancro que demanden estes servizos.

Balseiro destacou que “a intención é que a estadía dos pacientes e familiares sexa o menos gravosa posible no aspecto económico, facilitando un aloxamento confortable, con todas as prestacións, situado no centro da cidade -na rúa Pintor Corredoira- e próximo ao hospital”.

3 de abril de 2017 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.