A Unidade Mixta de Gradiant e Netex avanza na aprendizaxe dixital individualizada

Patricia Argerey na presentación
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, salientou esta mañá na presentación da Unidade Mixta de Investigación Smart Lifelong Learning para a Industria do Futuro e a Sociedade do Coñecemento que esta iniciativa é un exemplo de como a colaboración dun centro tecnolóxico como Gradiant contribúe a reforzar a posición competitiva a nivel internacional dunha peme galega como Netex e, deste xeito, á propia internacionalización da I+D galega.
Esta Unidade Mixta, que conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, inscríbese no ámbito das TIC e as industrias creativas, e persegue construír solucións intelixentes que favorezan unha aprendizaxe individualizada e adaptativa, tanto en entornos corporativos como educativos, contribuíndo a implantar un modelo de aprendizaxe intelixente ao longo de toda a vida para a capacitación dos traballadores da Industria 4.0, que busca a optimización dos procesos a través da dixitalización. Agárdase que a iniciativa mobilice máis de 2,2 millóns de euros, cunha axuda da Xunta de preto de 670.000 euros, e cree 20 postos de traballo altamente cualificados.
Na súa intervención, Argerey salientou o impacto dos resultados desta investigación no desenvolvemento da Sociedade do Coñecemento en Galicia, a través da dixitalización da aprendizaxe e a creación de contidos, un obxectivo que está claramente aliñado coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e o programa Horizonte 2020 da Comisión Europea.
No acto de presentación estivo acompañada polo delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, así como polo administrador xeral de Gradiant, Fernando Jiménez; o director de tecnoloxía de Netex, José Ramón Mosteiro; a directora da área de aplicacións e servizos en Gradiant, Antía Fernández; e o responsable de produto EdTech en Netex, Rubén Míguez.
As Unidades Mixtas de Investigación son centros de innovación mixtos, formados por organismos de investigación e empresas, que teñen como obxectivo atraer capital privado á I+D+i en Galicia, captar e reter talento e favorecer a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial, mellorando así a súa competitividade á vez que se poñen en valor as capacidades dos nosos organismos de investigación.
Con esta, son xa 24 as unidades mixtas de investigación impulsadas pola Xunta de Galicia a través de tres edicións desta convocatoria, que están a mobilizar 87 millóns de euros cunha inxección de fondos públicos de 25 millóns e que crean 360 empregos de alta cualificación.











