publicidade hoxe

A Evega forma aos viticultores no uso de produtos fitosanitarios durante a 54ª feira do viño do Ribeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadavia
A-
A+

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Consellería do Medio Rural, celebrará mañá xoves día 27, unha xornada técnica sobre a xestión de pragas e enfermidades do viñedo en colaboración co consello regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, a Asociación Galega de Enólogos (AGE) e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal). Terá lugar na casa da cultura de Ribadavia como actividade complementaria á 54ª feira do viño do Ribeiro.

Esta actividade formativa persegue a concienciación do sector sobre a importancia dun control de pragas e enfermidades baseado na menor utilización de produtos fitosanitarios. Unha vez aprobado o regulamento de produción de viños de produción integrada e como consecuencia da entrada en vigor da regulamentación da xestión integrada do viñedo, é preciso coñecer as normas que perseguen unha explotación sostible e respectuosa dos recursos. Así, no marco da xestión integrada, prohíbese aplicar calendarios de tratamentos á marxe das que estean xustificadas, ben con fins preventivos ou ben cando a praga ou enfermidade presente un limiar que o aconselle. Todos os tratamentos figurarán anotados no alcumado “caderno de explotación” cuxa actualización é obrigatoria dende o 1 de xaneiro de 2013.

Unha expresión máxima do mantemento do viñedo nun marco máis respectuoso co medio é o cultivo ecolóxico onde se minimiza a utilización de produtos fitosanitarios. A este respecto, no ano 2015 a Evega celebrou unhas xornadas centradas na viticultura ecolóxica, facendo estudos comparativos entre o cultivo convencional e o ecolóxico. Amosáronse resultados prometedores que o cultivo en ecolóxico do viñedo pode representar para determinadas zonas de Galicia. Pero un dos principais problemas que representa este cultivo é a xestión de pragas e enfermidades. Tendo en conta que a diversidade climatolóxica de Galicia é moi elevada, a xestión integrada é posible e necesaria para algunhas zonas da comunidade, pero o cultivo ecolóxico é moi complicado noutras como as Rías Baixas.

Por todo iso, faise necesario transmitir aos axentes do sector os avances no coñecemento científico e técnico que hoxe en día se teñen sobre a xestión das enfermidades e pragas no viñedo, afondando na xestión integrada e a xestión ecolóxica para lograr unha maior sustentabilidade do viñedo.

É preciso diferenciar as distintas maneiras de xestionar o viñedo. Por unha banda, existe unha viticultura convencional inmersa na xestión integrada, que é tendente á redución do uso de fitosanitarios e herbicidas, e por outro lado está a viticultura orgánica da que forma parte a viticultura ecolóxica, máis restritiva co uso de produtos químicos e máis ligada á utilización de substancias naturais para o seu control. En todos os casos procúrase a utilización de formas de cultivo que minimicen o risco de enfermidades e pragas.

O obxectivo desta xornada é, polo tanto, a divulgación científica e técnica sobre o manexo integrado e ecolóxico de pragas e enfermidades no cultivo da viña. Ademais, o sector poñerase ao día nas novas ferramentas tecnolóxicas que se aplican na sanidade vexetal.

Os destinatarios son viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico de empresas vitivinícolas, de consellos reguladores, de oficinas comarcais agrarias, persoal investigador e estudantes. Con especial fincapé aos mozos/as de menos de 41 anos e os viticultores e adegueiros en activo, pero tamén se admite público en xeral.

26 de abril de 2017 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.