publicidade hoxe

A directora xeral de Familia destaca a mellora das posibilidades de conciliación no rural coa implantación das casas niño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastrelo de Miño
A-
A+
Amparo González na visita á casa niño Os Paxariños

Amparo González na visita á casa niño Os Paxariños

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, visitou esta mañá a casa niño Os Paxariños, situada no municipio ourensán de Castrelo de Miño, unha das 30 que están operativas en Galicia. Estes equipamentos constitúen un recurso de conciliación básico para as familias que residen en contornos rurais, xa que son un servizo gratuíto que consiste no coidado personalizado de ata un máximo de cinco menores de 0 a 3 anos no propio domicilio dun coidador/a acreditado profesionalmente.

Durante a visita, Amparo González fixo fincapé na boa acollida que están a ter as casas niño, xa que ademais de atender ás necesidades de conciliación dos pais e nais que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes impulsan o autoemprego e axudan á fixación de poboación no territorio. Neste sentido, salientou que o Goberno galego seguirá a impulsar a posta en marcha doutros 30 equipamentos como este de Castrelo de Miño mediante o seu financiamento con cargo aos orzamentos de 2017.

O exercicio pasado, a Xunta de Galicia destinou un total de 2,5 millóns de euros para financiar a creación das casas niño, liña de axudas que se esgotou na súa totalidade. As persoas que se beneficiaron desta primeira convocatoria recibiron unha achega económica dirixida a sufragar o custo da reforma e adaptación da vivenda, así como o equipamento, a dotación material e a atención profesional prestada.

As casas niño é unha das iniciativas que se inclúen no Programa de Apoio á natalidade (PAN Galicia) que a Consellería de Política Social está a desenvolver dende finais de 2015 con accións como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís –con especial atención aos polígonos empresariais e industriais- ou o incremento das prazas sostidas con fondos públicos.

26 de abril de 2017 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.