A Deputación elaborará unha diagnose e un plan de acción das políticas de igualdade e loita contra a violencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A área de Igualdade da Deputación da Coruña elaborará un completo diagnóstico da situación das políticas de igualdade dos concellos da provincia. Entre outros obxectivos, o estudo detectará necesidades e rexistrará recursos para traballar de maneira máis eficaz para eliminar a desigualdade e a violencia.

Traballar con coñecemento de causa, detectando as necesidades e coñecendo as fortalezas é o obxectivo da iniciativa da área de Igualdade da Deputación da Coruña desde a que se elaborará unha diagnose e plan de acción das políticas de igualdade de loita contra a violencia de xénero da provincia. O proxecto buscará involucrar á totalidade de axentes claves no territorio co fin de establecer as áreas, liñas e medidas de acción para a implantación posterior de políticas de igualdade de xénero.

“Queremos traballar de maneira eficaz nunha área como a de Igualdade que precisa a colaboración entre as administracións e planificar as accións de forma rigorosa. Con esta diagnose conseguiremos ter un coñecemento real da situación e fortalecer as nosas políticas de igualdade axustando as necesidades que existen nos concellos”, sinala a deputada responsábel da área de Igualdade, Ánxela Franco para quen traballar neste ámbito ten que ser “unha prioridade en todas as administracións”.

O plan de acción incluirá a elaboración dun mapa e guía de recursos en materia de igualdade de xénero e un informe comarcal das políticas establecidas ademais da presentación pública nas distintas comarcas dos resultados.

O obxectivo da iniciativa é, ademais de analizar a situación actual, detectar as necesidades para a consecución da igualdade real, rexistrar recursos dispoñíbeis, coñecer os servizos e programas de prevención, sensibilización e intervención na materia; visibilizar, impulsar e dar apoio ás políticas de igualdade, potenciar o traballo en rede, deseñar estratexias, identificar fortalezas e limitacións ou favorecer a participación social.

A Deputación conseguirá tamén a través desta iniciativa, definir as áreas de actuación para a implantación de políticas de igualdade, establecer liñas e medidas de acción , mellorar a asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos e mesmo axustar a elaboración dos orzamentos ás necesidades.

O proxecto adxudicarase a través dun concurso aberto cun orzamento para a elaboración de 80.000 €.

12 de abril de 2017 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.